O concello eliminará a taxa de terrazas no exercizo 2020
• Dentro das medidas de reactivación económica, a administración local modificará a ordenanza de terrazas para eliminar a taxa para este ano 2020
• O concello apoiará con 140.860€ ás asociacións sociais, culturais e deportivas
Na imaxe de arquivo, público nunha das terrazas dun establecemento de hostalería da vila de A Guarda
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Este xoves celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello, unha reunión de portavoces dos grupos municipais. Nesta xuntanza o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, trasladou aos portavoces as medidas que se están adoptando no marco da situación de alerta sanitaria creada polo COVID-19.
Así, o alcalde informou que o concello suma, ás medidas adoptadas con anterioridade fronte ao coronavirus, a de poñer a disposición dos veciños da localidade máscaras infantís que se poden recoller na oficina de Turismo. Tamén se informou das medidas adoptadas en relación coa apertura de espazos públicos, fortaleza de Santa Cruz e as praias, para que poidan ser utilizados pola veciñanza, e do protocolo e documento técnico que se está elaborando para ir preparando a apertura dos servizos públicos.
O alcalde tamén informou da convocatoria dun pleno extraordinario para a aprobación da eliminación da taxa de terrazas para este ano 2020, medida que xa dera a coñecer aos portavoces en reunións precedentes. Dende o executivo municipal enténdese que esta é unha medida que se vai aplicar cando os bares, cafeterías e restaurantes poidan instalar terrazas, é dicir, a partir da fase 1 da "desescalada". Esta é unha das decisións que forman parte do terceiro paquete de medidas económicas que se están adoptando dende o goberno municipal presidido por Antonio Lomba Baz, unha vez contan cos informes pertinentes.
A segunda das medidas é un expediente de recoñecemento para o pago de facturas, co obxectivo de trasladar liquidez ás empresas que prestan servizos ao concello da Guarda. Dende o inicio do estado de alarma unha das principais preocupacións foi a de reducir ao máximo posible o período de pagamento de facturas, e trasladarlle ás empresas e autónomos o máximo de liquidez nestes momentos tan complicados.
MÁIS DE 140.000 EUROS PARA O MOVEMENTO ASOCIATIVO LOCAL
A terceira das medidas, a de maior cuantía económica, é a que ten relación coas asociacións sociais, culturais e deportivas da localidade. Debido as dificultades que estamos atravesando pola situación xerada polo coronavirus, situación que tamén está afectando ás diferentes asociacións, pola paralización total ou parcial da súa actividade, o concello quere trasladarlles tranquilidade e a colaboración, se cabe aínda máis estreita, para sacar adiante os proxectos que sexan viables neste ano. Así, o concello pon a disposición das asociacións guardesas 140.860 €. Cada asociación disporá da mesma subvención que no ano 2019. Esta medida require aprobación plenaria, polo que será no Pleno do mes de maio cando queden definitivamente aprobadas.
O concello da Guarda está preparando o seguinte paquete de medidas que inclúen unha serie de actuacións en relación cun programa de dinamización turística e comercial. Este novo paquete e medidas será anunciado nos próximos días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario