A proposta da Alcaldía de Tomiño para unha Unidade de Saúde Mental comarcal, obtén a unanimidade dos votos da corporación
O Concello solicitará á Xunta unha USM que se sitúe no centro ambulatorio de Tui, onde atendería a unha poboación de case 50.000 habitantes
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez coas concelleiras/os do seu equipo de Goberno Municipal
Foto: C.T.
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O pleno do Concello de Tomiño aprobou en sesión ordinaria e por unanimidade, a proposta da Alcaldía para a creación dunha Unidade de Saúde Mental (USM) de ámbito comarcal, que daría atención no centro ambulatorio de Tui, a unha poboación de case 50.000 habitantes.
“Solicitar á Xunta de Galicia, que se desenvolva a USM Baixo Miño, ubicada no centro de saúde de Tui, onde se dispón de espazo suficiente para a instauración da citada unidade, que dará atención a 49.646 habitantes dos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, e dotada cun mínimo de dous médicos/as psiquiatras, un psicólogo/a e un enfermeiro/a” é o texto que obtivo a aprobación unánime da corporación, formada por 11 concelleiros/as do BNG; 4 do PP e 2 do PSdeG-PSOE.
Segundo describe o documento aprobado, “non existe unha atención suficiente e eficiente para os pacientes de saúde mental da Mancomunidade do Baixo Miño, xa que os pacientes teñen que desprazarse a Vigo para ser atendidos, coa sobrecarga que isto supón para as unidades de saúde mental de Vigo. Os datos son obvios e cotexables no estudo sobre prevalencia en Saúde Mental en Galicia do SERGAS, segundo o cal, dúas de cada tres persoas con enfermidade mental grave non acudiron no último ano do estudo a ningún servizo de saúde” .
A petición non é nova xa que no ano 2003, a Mancomunidade do Baixo Miño acordou, por unanimidade, apoiar a proposta da asociación “Avelaiña”, para a creación dunha unidade de saúde mental na comarca. “Dezasete anos máis tarde -coma explica a proposta aprobada en pleno- o Baixo Miño segue sen ter unidade de saúde mental, converténdose cada ano en máis urxente e necesaria, xa que ás necesidades de atención en saúde mental, súmanse dificultades propias da zona, coma a dispersión xeográfica, os problemas de transporte, o impacto da crise económica, o uso de novas drogas e/ou alcohol, a sobrecarga e falta de familiares de apoio, etc.”
“O que fai máis necesario que nunca - como se fai constar na parte expositiva da proposta da Alcaldía de Tomiño -, a existencia de atención de proximidade que garanta a adhesión aos tratamentos, o seguimento e a participación social das persoas afectadas, así comaun soporte ás familias coidadoras, especialmente dos que residen en zonas rurais e máis aloxadas dos recursos de apoio”, comentan.
As unidades de saúde mental de Cangas e Val Miñor, son xa unha realidade dende hai tempo, e a do Condado/Paradanta, ten dado os pasos para a súa creación. “Aínda estando dentro do mesmo Plan Estratéxico (2006-2011), a USM do Baixo Miño permanece pendente e sen que exista data para o inicio da súa implantación”, como se afirma na proposta da alcaldía tomiñesa. “Asemade -continúa- mantémonos á espera da creación dun novo Plan Estratéxico de Saúde Mental, que se está a desenvolver neste momento; no que, supoñemos, se volverá a ter en conta a necesidade existente de esta poboación, que a todas luces se atopa en situación de esquecemento e desatención, sendo esa propia inaccesibilidade dos cidadáns o que provoca o agravamento deste tipo de patoloxías”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario