26 de mar. de 2020

PONTEVEDRA

#COVID-19 

A Deputación de Pontevedra habilita a Liña 2 do Plan Concellos para facilitarlle novos recursos á loita contra o virus 

A Liña 2 conta cun orzamento total de máis de 3 millóns de euros que agora se poderán destinar ás necesidades máis urxentes da veciñanza

Pazo da Deputación provincial de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra 

 A Deputación de Pontevedra remitiulles unha carta aos 59 concellos da provincia que se benefician do Plan Concellos para informalos da habilitación da Liña 2 do Plan 2020, dedicada a amortizacións, gasto corrente e actividades, co fin de facilitar o destino dos seus recursos á loita contra o coronavirus. Deste xeito, a institución provincial pon á disposición dos municipios ata máis de tres millóns de euros para que os concellos teñan a posibilidade de dispoñer de maior liquidez a fin de darlles resposta ás necesidades da súa veciñanza nesta situación de crise sanitaria.  

 En total, ata o de agora, os concellos xa solicitaran recursos da Liña 2 por valor de 1,3 millóns de euros, e quedaban pendentes de resolución outros 1,7 millóns. Con esta nova medida da Deputación de Pontevedra, aos concellos que xa teñan algunha subvención concedida ao abeiro desta liña facilítaselles presentar a súa desistencia total ou parcial a esta ou modificala para destinar os recursos ao que estimen máis prioritario ou urxente no contexto actual. Ademais, os concellos que presentaron solicitude pero que aínda non a tiñan resolta por mor desta situación poderán tamén presentar a súa desistencia ou modificación.  

 Con esta medida a Deputación de Pontevedra pretende flexibilizar aínda máis os recursos postos á disposición dos concellos da provincia, como xa se fixo con outros programas provinciais coma as axudas de emerxencia, o Plan de servizos comunitarios básicos, a liña de axudas extraordinarias ou os anticipos do fondo de liquidez do ORAL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario