2 de mar. de 2020

O ROSAL

O III Trail Adventure Muíños do Folón chega este 8 de marzo co cartel de cheo posto  

Máis de 800 deportistas de oito provincias percorrerán este domingo O Rosal. O 30% dos participantes son mulleres 

É a primeira proba da Pontevedra Trail League  
 
A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández, co deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez - a dereita da imaxe - e o director técnico da proba, Serafín Martínez
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A terceira edición do Trail Adventure Muíños do Folón con cifras históricas de participación e coas inscricións pechadas hai días, chega este domingo 8 de marzo ao Rosal convertida xa nun clásico autonómico do calendario do Trail Running e como primeira proba da Pontevedra Trail League. 

 Con máis de 800 participantes de 8 provincias diferentes e cunha representación moi alta de deportistas portugueses. 

 “O trail é, sen dúbida, a combinación perfecta de deporte, patrimonio histórico, natural e turismo, xa que permite a todas as persoas participantes combinar a práctica dunha das súas paixóns deportivas co desfrute dunha contorna e un lugar máxico e fermoso como son os muíños do Folón e do Picón”, salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, durante a presentación oficial da proba, na que tamén participaron o responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, e o director técnico da proba, Serafín Martínez. 

 Unha proba que chega ao Rosal nunha data tan sinalada como o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o que como salientou á alcaldesa “tamén nos permitirá visibilizar a gran cantidade de mulleres que participamos  no eido deportivo. Será sen dúbida unha xornada reivindicativa que servirá para poñer en valor o gran papel que a muller xoga neste ámbito, o deportivo, nos que aínda nos queda moito por camiñar para conseguir unha igualdade real”.  

 Cabe destacar que máis dun 30% dos participantes nesta proba serán mulleres que competirán nas distintas modalidades, cifra que o deputado Gorka Gómez quixo resaltar xa que “temos que seguir traballando na senda da visibilización  da muller no deporte, destacando os éxitos acadados en moitas disciplinas”. 

Horario das probas e actividades previas 

 A primeira proba en dar o pistoletazo de saída será a Advance de 21 km (10.00 h), seguida da andaina de 10 km para todos os públicos (10.05 h). A proba máis curta, a de 12 km, sairá ás 10.30 h. 

 En total agárdase que máis de 1.500 persoas, entre deportistas e acompañantes, visiten este domingo O Rosal  e desfruten “dun dos trails máis espectaculares, nunha contorna única”, como recalcou o director técnico da proba, Serafín Martínez.  

 O III Trail Adventure Muíños do Folón completarase cunha actividade previa ás probas deportivas. Así, o día anterior, o sábado 7 de marzo, a Adega Val Miñor ofrecerá aos participantes e acompañantes que se acheguen ao Rosal esta fin de semana, unha visita guiada e cata dos diferentes produtos.

 A proba conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello do Rosal. Dende o Concello quere agracederse ademais a colaboración das comunidades de montes veciñais en mán común do Rosal e de Loureza, así como de Protección Civil do Rosal e de Tomiño e da Policía Local “nunha xornada de especial importancia para todos e todas nós”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario