COMUNICADO DE GALEGAS8M DE VIGO
O grupo de galegas8m de
Vigo, quere informar, a través deste comunicado que, tras ter comezado no mes
de decembro as reunións para preparar a convocatoria do 8 de marzo de 2020,
este domingo culminarán as actividades, actos e intervencións de rúa
programadas coa manifestación do 8 de marzo en Vigo.
Convocamos manifestación, que, como nos anos anteriores,
será unha mobilización de referencia na comarca e contorna da cidade de Vigo o
domingo día 8 demarzo ás 18:00 desde o cruce de Vía Norte, baixo o lema “Sen
coidados non hai vida. Mudando o sistema derrubando o patriarcado”. Como
nos anos anteriores, queremos que o 2020 Galiza e, en concreto, Vigo, volte a
ser un referente na mobilización das mulleres a nivel global, mais un ano
faremos tremer a cidade, có berro do feminismo, tinxindo as rúas de lila.
Alén
desta manifestación facemos un chamamento a todas as mulleres a ocupar as rúas
desde a mañá, acudindo aos actos convocados nos diferentes concellos, desde a
Guarda ate a Caniza, desde a Cangas até o Val Miñor.
Na
cidade de Vigo galegas8m ten programadas actividades desde a mañá, seguindo as
dinámicas dos anos anteriores, nos que as mulleres foron as protagonistas dunha
mobilización que paralizou a cidade desde a mañá até a noite. Comezaremos con
unha intervención de rúa as 12:00, con unha participación masiva de mulleres na
interpretación de “un violador no teu camiño”, intervención popularizada polas
mulleres chilenas e viral no resto do mundo. Tras esta acción, decoraremos a
cidade cós nosos tendais reivindicativos, denunciando a retirada dos que foron
colgados nas ultimas semanas, no mesmo día a ser pendurados e deixando claro
que as rúas son nosas e non van calar o berro do feminismo. As 14:00, na praza de
Portugal terá lugar, se o tempo o permite, un recital e poesía e foliada do que
farán parte moitas mulleres do panorama poético e musical galego. Remataremos o
día coa manifestación a cal será fechada, tras a lectura do manifesto, coa
actuación de Sú Garrido e As Ultraviole(n)tas.
Este
8 de marzo poñemos os coidados no centro
das nosas reivindicacións. Porque o
traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizaremos o
que está invisibilizado. Porque a meirande parte do traballo dos coidados
realízase sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra
custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da
labranza das terras. E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións
de precariedade e son infravalorados tanto social como económicamente.
Baixo
o lema SEN COIDADOS NON HAI VIDA. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado denunciaremos
tamén a dominación e a destrución da natureza por parte do capitalismo e do
patriarcado, apostando por recuperar toda esa rede de produción, distribución e
consumo ecolóxico, solidario e responsábel que durante séculos impulsaron as
mulleres no rural galego, combatendo a espoliación do noso territorio, dos
nosos bens naturais.
Articulamos
as nosas reivindicacións nos seguintes eixos:
CONSUMO
Un consumo consciente: o sistema capitalista alíase
co patriarcado e pon o foco en nós como consumidoras porque a maioría das
compras recaen en nosoutras. Nas nosas mans está tomar consciencia de a quen
sirve e que reforza o actual modelo de consumo, e dende aí darlle a volta e
empregar ferramentas diferentes para rachar coa roda do capitalismo.
●
Merquemos produtos de proximidade: canto máis perto sexa a
produción dos mesmos, menos pegada ecolóxica terán. Deste xeito vertebraremos a
produción local e non contribuiremos ao espolio noutros territorios a
mulleres en situacións laborais deplorabeis.
●
Merquemos en tendas locais, cooperativas, prazas de
abastos... Evitemos as compras en multinacionais que fan imposíbel unha
produción sostíbel; que explotan o medio e as traballadoras, e acaban co tecido
produtivo local.
●
Teñamos criterio ético ao escoller os produtos: intentemos
coñecer as situacións laborais que hai detrás dos mesmos e actuar en consecuencia.
O consumo é parte fundamental da roda do capitalismo, racharmos coa lóxica
explotadora pasa tamén por consumir menos e doutra maneira.
●
Escollamos aqueles productos con menos envases, optando
sempre que poidamos polo granel.
●
Propoñemos tecer redes no intercambio de roupa, empregar
tendas de segunda man, darlle mais vidas ás prendas! Non se trata só de
facilitar o consumo a quen carece de recursos, máis ben a aposta é por gañarmos
soberanía a respecto das multinacionais e do seu control sobre as nosas vidas.
●
Fagamos boicot activo a aqueles produtos que teñen a
chamada "taxa rosa", esa lei non escrita pola que son máis caros na
súa versión "para mulleres" que na versión "para homes".
Acabemos co uso sexista que se dá ao consumo.
TERRITORIO
Coidado do territorio: cando falamos de pór as
necesidades da reprodución da vida por diante das de produción económica
estamos poñendo en valor a nosa contorna. O noso territorio é campo de batalla
contra o capitalismo; e nel, o papel das mulleres e do feminismo debe ser a
defensa do mesmo.
●
Denunciamos o espolio da nosa terra para a extracción de
minerais que envelena as comarcas e destrúe a biodiversidade. Se acabamos coa
vida ao noso ao redor acabamos tamén coas nosas vidas.
●
Reivindicamos as variedades autóctonas das sementes, que
están máis adaptadas e aportan riqueza á zona ano tras ano; na contra das
transxénicas que empobrecen a diversidade e impiden que continúe o ciclo: tendo
que mercalas cada tempada e creando unha dependencia das multinacionais que se
lucran disto.
●
Denunciamos a hiperburocratización pola que se ve
imposibilitada a vida no rural galego. A aplicación de medidas
desproporcionadas complica xeitos de vida sinxelos con procedementos
complexos que dificulta a vida das persoas, baleirando as nosas aldeas de
presente e futuro.
●
Reivindicamos as redes entre veciñanza, familiares e
amigues nos traballos do campo de xeito solidario. E rexeitamos normativas que
mercantilicen isto, impedindo o traballo a pequena escala e deixando só espazo
para a produción empresarial que conleva o abandono do rural galego. A
agroecoloxía e a soberanía alimentar son apostas estratéxicas para que as
galegas sexamos donas da nosa alimentación e do noso futuro.
●
Esiximos que se dote ao rural de servizos públicos axeitados
á realidade galega. O continuo desmantelamento do rural e dos seus servizos e
máis unha forma de deixar o territorio en mans de transnacionais para a súa
explotación.
COIDADOS
Coidado: os coidados son todos eses traballos
imprescindibeis para a reprodución da vida
que a sociedade naturalizou e asignou ás mulleres tirándolle todo o
valor social que lle corresponde. Situar a reproducción da vida no centro das
políticas significa asumir colectivamente que todas as tarefas necesarias para
manter e soster as nosas vidas teñen que ser asumidas polo conxunto da
sociedade.
●
Reivindicamos unha racionalización e redución da xornada
laboral. Sabemos que a conciliación familiar con xornadas de 40 ou máis horas
semanais é unha falacia.
●
Temos a baixa de maternidade mais curta de toda Europa!!!
Queremos permisos por nacemento, acollemento e coidado máis longos. O dereito a
coidar, cando así se decide, ten que ser sustentado colectivamente a través da
comunidade e do Estado.
●
Reclamamos corresponsabilidade. É imprescindíbel que os
homes entren na esfera dos coidados, que a reprodución da vida deixe de
asociarse únicamente ás mulleres e que se abra un debate fondo sobre como
asumilos colectivamente. Esiximos o dereito a coidar e a non facelo, e a que a
sociedade constrúa a base sobre a que se poda tomar libremente calquera destas
decisións.
●
Reclamamos que as institucións dean resposta ás
necesidades de coidado integral das persoas. Que sexan unha prioridade política
e económica de primeira orde, queremos que garantan o dereito ao coidado con
acceso a recursos desde unha perspectiva feminista e con criterios de xustiza
social.
●
Reinvindicamos que cando os traballos dos coidados se
profesionalizan, se dote a todas as traballadoras de todos os dereitos laborais
e sociais que lles corresponden; garantindo o seu acceso a prestacións por
desemprego e xubilación, e obtendo salarios acordes ao valor do
seu traballo.
●
Esiximos mecanismos públicos para os coidados que non se
podan prestar, ou decidan non prestarse, no ámbito familiar. Que se incremente
o número de prazas en centros públicos de coidado, garantindo que ningunha
persoa quede fóra por falta de recursos económicos.
As mulleres sairemos ás rúas este e todos os 8 de marzo
que faga falla! Porque temos a forza para conquistar ese mundo
tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos
foi, e será sempre, continuar
sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!
En Vigo
a 4 de Marzo de 2020
Galegas8m
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario