27 de mar. de 2020

LABORAL

A CIG de Vigo denuncia que Inspección de Traballo e Xunta consenten que empresas obriguen a traballar sen garantías preventivas contra o Covid-19  

A central nacionalista insiste en demandar a paralización de toda a actividade produtiva e laboral non esencial para garantir a saúde e a vida dos traballadores e traballadoras.  

Alberte Gonçalves: “A saúde da clase traballadora non pode protexerse co confinamento só durante a fin de semana”  

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal de Vigo da CIG alerta de que moitos traballadores e traballadoras están sendo expostos a contaxio por coronavirus ao seren obrigadas a acudir presencialmente aos seus empregos sen as mínimas garantías preventivas. A central nacionalista denuncia a inacción da Inspección de Traballo e mais da Xunta perante esta situación.  

 “En medio dunha crise sanitaria sen precedentes vemos como a irresponsabilidade do empresariado está poñendo en risco a saúde de millares de traballadoras e traballadores e comprometendo a eficacia do confinamento social, imprescindíbel para frear a propagación deste virus”, advirte o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.  

 Gonçalves deu conta de que o sindicato está a recibir un importante número de denuncias de empresas nas que se obriga a a ir traballar presencialmente “sen as mínimas garantías preventivas, sen distancias mínimas e sen medios de protección”. “Falamos de centros de chamadas, de empresas da industria do metal pero tamén de actividades no sector servizos, (mesmo na atención a grupos de risco como as persoas maiores) onde por falla de medios e medidas preventivas se está a expoñer a contaxio por coronavirus ás traballadoras e traballadores e as persoas coas que conviven”, explica.  

 Desde a CIG subliñan que Vigo é arestora un dos principais focos da epidemia en Galiza, con 509 casos reportados, e por iso entenden necesario denunciar publicamente a inacción da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galiza, que permiten que millares de traballadores e traballadoras sigan arriscando a súa saúde e as súas vidas.   

 “É intolerábel que en medio dunha emerxencia sanitaria sen precedentes, as autoridades laboral e sanitaria ollen para outro lado e non actúen tendo constancia dos incumprimentos en materia preventiva en moitos centros de traballo. Coa súa inacción son cómplices. Esiximos que actúen de inmediato e con firmeza”, reclama Gonçalves. 
  
Bucle burocrático  

 A CIG relembra que no actual contexto de emerxencia sanitaria polo coronavirus, a autoridade laboral competente no que ten a ver con determinar a suspensión de actividade nos centros de traballo por incumprimento das medidas preventivas pasou a ser a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta.  

 Sen embargo, segundo apunta a central nacionalista, a Dirección Xeral non está a actuar, nin de oficio, nin a instancia das denuncias dos Comités de Empresa, e remite á Inspección de Traballo que non está a realizar visitas e que unicamente traslada advertencias ás empresas.  “Neste bucle burocrático, onde a Inspección di non poder actuar para alén de informar, e onde a Xunta non actúa nin sendo informada, quen perde son as traballadoras e os traballadores que se ven obrigados a acudir presencialmente aos seus empregos mesmo cando as empresas, de maneira case criminal, non garanten as mínimas condicións para evitar contaxios”, reprochan.  

 Desde a central nacionalista indican que un exemplo claro desta situación viviuse a semana pasada no centro de chamadas de Unísono na cidade de Vigo, onde a pesar de rexistrarse un positivo por Covid19, e onde non había nin medios preventivos nin se garantía a mínima distancia de seguridade, con centos de traballadores amoreados no centro, a empresa impuxo a continuidade do traballo presencial, incumprindo ilegalmente a suspensión decretada polo Comité de Empresa de acordo coa Lei de Prevención de Riscos.  

 “O de Unísono un exemplo de situacións que se están a dar nun número importante de centros de traballo, onde a irresponsabilidade empresarial e a inacción da Xunta de Galiza están poñendo en risco a saúde e mesmo a vida dos traballadores e traballadoras”, apunta Gonçalves.  

Parar a actividade non esencial  

 A central nacionalista refire que é a primeira forza sindical tanto na comarca como no conxunto de Galiza, insiste na necesidade de reducir ao mínimo imprescindíbel a actividade produtiva e laboral non esencial, considerando unha irresponsabilidade prolongar o estado de alarma sen adoptar esa medida.    

 “A CIG reclamamos desde o inicio do estado de alarma a paralización de toda a actividade produtiva non esencial. Facémolo porque o fundamental hoxe é salvar vidas e reducir ao mínimo o risco de contaxio. Porque a saúde da clase traballadora non pode protexerse co confinamento só durante a fin de semana”, enfatiza o secretario comarcal da CIG-Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario