23 de mar. de 2020

LABORAL

O persoal do estaleiro Freire e das empresas auxiliares decide paralizar a actividade 

A medida, a primeira deste tipo que se adopta no naval vigués, afecta a un total de 600 traballadores/as

O comité de empresa de Freire convocou os traballadores/as pola mañá para trasladarlles que un compañeiro se atopaba ingresado nun centro médico tras dar positivo por coronavirus
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Os cadros de persoal do estaleiro vigués Freire e das empresas auxiliares decidiron hoxe en asemblea paralizar a actividade tras confirmarse un positivo por coronavirus nun empregado dunha das auxiliares. A medida, a primeira deste tipo adopatada no sectror naval e que afecta a un total de 600 traballadores/as, adoptouse despois de que as centrais sindicais mantivesen unha xuntanza con Asime para abordar a situación na que se atopa o sector do metal como consecuencia da crise sanitaria. O comité de empresa de Freire convocou os traballadores/as pola mañá para trasladarlles que un compañeiro se atopaba ingresado nun centro médico tras dar positivo por coronavirus, tras o que se optou paralizar a actividade como medida de prevención tanto na empresa principal (60 empregados/as) como nas auxiliares (540 empregados/as). Tras comunicarlle a decisión á dirección de Freire, acordouse iniciar mañá a negociación dun ERTE. 

 Segundo explica o secretario do comité, Antonio González, da CIG, até o e agora as empresas estaban a traballar con escasas medidas de protección, “xa que por falta de abastecemento non había cascarillas nin luvas para todos/as”. Ademais, en moitos casos tamén era difícil respectar a distancia mínima de seguridade que establecen os protocolos sanitarios. 

 A decisión de parar adoptouse tras a xuntanza mantida pouco antes entre responsábeis da CIG, CCOO e UGT e da Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime) na que se analizou a situación do sector e na que as centrais trasladáronlle á patronal a súa preocupación pola falta de medidas de seguridade e conseguinte risco para a saúde dos traballadores/as.

Ningún comentario:

Publicar un comentario