23 de mar. de 2020

A GUARDA

A Comisión Municipal de seguimento do COVID-19 reuniuse no salón de plenos

O Servizo de Alerta Epidemiolóxica do SERGAS, confirmou o primeiro positivo por coronavirus na localidade


Reunión presencial e por videoconferencia, dos membros da Comisión Municipal de seguimento do COVID-19, do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Presidida polo alcalde Antonio Lomba Baz, este luns día 23 de marzo de 2020, no salón de plenos do concello de A Guarda, reuniuse a Comisión Municipal de seguimento do COVID-19, para facer unha valoración da situación dos primeiros días da crise. 

 Á xuntanza asistiron todos os membros da devandita comisión, sete deles de forma presencial e catro por videoconferencia. 

 O alcalde deu conta aos asistentes das accións e xestións realizadas ata o momento. Enumerou os contactos que se mantiveron, tanto coas Administracións, como coas asociacións e responsables locais, e informou como se fixo a desinfección do material de protección e dos medios que o concello ten en stock. Así mesmo enumerou os edificios e vehículos que se desinfectaron o pasado sábado e dos espazos públicos que se desinfectarán durante a semana, desinfeccións que se manterán mentres dure o Estado de Alarma. 

 Informou tamén doutras medidas como a remaquetación da páxina web do concello, a campaña informativa levada a cabo nos medios de comunicación e nas redes sociais en relación aos servizos no Centro de Saúde, ós servizos municipais e outras cuestións de interese para a cidadanía. 

 O alcalde rematou a súa intervención anunciando que nos próximos días se informará sobre o primeiro paquete de medidas económicas do concello, para flexibilizar as débedas coa Administración e os prazos de cobro, así como a axilización do pago de facturas a proveedores. 

 Pola súa banda, os demais membros da comisión aportaron ideas para mellorar a eficiencia das medidas tomadas, e inclusive se propuxeron novas accións para que o concello mellore o servizo que presta a cidadáns e empresas mentres dure esta situación de confinamento pola declaración do Estado de Alarma. 

 Os temas nos que máis se incidiu foi a mellora do servizo de auxilio aos grupos de risco e ás novas recomendacións en relación á prevención de contaxios. 

 Como remate da reunión, os presentes concluíron que o concello debe prestar toda a axuda posible ás empresas, asociacións, e veciños e veciñas que así o precisen, porque só xuntos seremos capaces de minimizar o impacto desta crise. 

 Despois da reunión, o alcalde púxose en contacto co Servizo de Alerta Epidemiolóxica do SERGAS, onde lle foi confirmado o primeiro positivo por coronavirus COVID-19 na Guarda. 

 Isto parámolo se quedas na casa, gracias pola túa colaboración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario