23 de mar. de 2020

GALICIA

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe, por videoconferencia, con diferentes entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca galegas 

A Xunta de Galicia avanza coas entidades do sector financeiro a posta en marcha das medidas de apoio a empresas e autónomos polo coronavirus  

Na xuntanza abordaron polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez ao tecido empresarial

Entre liña de préstamos permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros para que as pemes e autónomos poidan cubrir gastos  

Outra das iniciativas de apoio que se activa é o aprazamento das cotas de amortización e xuros da liquidación dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia  

A través de Xesgalicia, a Xunta engade, tamén, unha terceira liña de 10 millóns de euros para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva das empresas galegas que decidan acometer a fabricación de material sanitario necesario para facer fronte ao coronavirus  

Ademais, ata o venres 27, os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o COVID-19 poderán presentala á Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Gain

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con entidades do sector financeiro
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con entidades do sector financeiro para avanzar na posta en marcha das medidas de apoio a empresas e autónomos aprobadas pola Xunta. Na xuntanza participaron representantes de varias entidades bancarias e das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo.  

 Con eles, Conde abordou polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez a empresas e autónomos que se están vendo afectados polo impacto do coronavirus no sector económico. Estas medidas foron aprobadas no último Consello da Xunta celebrado o pasado venres.  

 En concreto, centráronse na liña de financiamento a través de préstamos que permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros. As contías destes préstamos irán destinadas a cubrir os gastos do primeiro trimestre de pemes e autónomos. Esta iniciativa sempre quedará condicionada ao que finalmente aprobe o Estado; é dicir, a Xunta activa agora este mecanismo de liquidez, ata que o Goberno poña en marcha as súas liñas de financiamento. O obxectivo é dar unha solución inmediata mentres non se aproban as liñas de financiamento estatais.  

 Outra das iniciativas de apoio que activa a Consellería de Economía, Emprego e Industria é o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia –a través do Igape e XesGalicia–, de forma que estas cantidades se poidan devolver ao vencemento final actual dos préstamos. Uns préstamos que, no seu conxunto, suman 265 millóns de euros.  

 Ademais, a través do Igape, a Xunta tamén engade unha terceira liña de financiamento de 10 millóns de euros para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva das empresas galegas que decidan acometer a fabricación de material sanitario necesario para facer fronte ao coronavirus. En concreto, esta liña financiará tanto investimentos como circulante, e as empresas deberán dar resposta coa produción de equipos como, por exemplo, téxtiles sanitarios, equipos de protección individual (EPIs) e materiais para respiradores.  

 A estas tres liñas, hai que engadir a que a Xunta xa ten activada desde a Axencia Galega de Innovación (Gain). Trátase dunha chamada a todos os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o coronavirus. Búscanse solucións innovadoras que se poida desenvolver de xeito inmediato; por iso, a chamada estará aberta ata o 27 de marzo.  

Reunión co sector forestal 

 No marco da rolda de contactos que a Xunta vén mantendo estes días cos axentes económicos e sociais galegos, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tamén celebrou hoxe unha xuntanza por videoconferencia con representantes da industria forestal para tratar con eles a situación derivada da crise do coronavirus.  

 Na reunión participaron os presidentes da Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes da Madeira de Galicia (Fearmaga), Elier Ojea; do Clúster da Madeira e o Deseño, Manuel Iglesias; da Asociación de Empresas da Madeira de Lugo, Daniel Díaz; e da Fundación Arume, José Carballo.  

 O conselleiro falou con eles sobre o impacto que está a ter o COVID-19 nas empresas do sector e trasladoulles as liñas de apoio que vai poñer en marcha a Xunta de Galicia para axudar a pemes e autónomos que están a sufrir as consecuencias do cese de actividade decretado polo estado de alarma. Nese sentido, na xuntanza abordaron, tamén, as medidas de prevención, recollidas no Diario Oficial de Galicia, que foron aprobadas polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Xunta de Galicia e entraron en vigor o pasado luns 16 de marzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario