23 de mar. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia abre a todos os concellos a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local ante a epidemia de coronavirus  

Desde hoxe, accederán preferentemente os concellos que teñan asinado convenio de colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública e, en 5 días, abrirase para todos os concellos que o requiran, teñan convenio ou non  

De ser necesario, poderanse incluír na listaxe de auxiliares aquelas persoas que, tendo superado o proceso selectivo para a categoría de policía local, non obtiveran praza no último proceso selectivo 

Infogauda / Galicia
 
  A Xunta de Galicia porá a disposición de todos os concellos galegos a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ante a epidemia de coronavirus. Ata o momento, só estaba a disposición daqueles concellos que asinaran convenio coa AGASP para a centralización do proceso selectivo de policías locais e auxiliares.

 Así, desde hoxe e durante un prazo de cinco días hábiles, poderán acceder á bolsa preferentemente os concellos que teñen asinado convenio de colaboración (un total de 74 concellos). En canto remate ese prazo de cinco días, a bolsa abrirase a todos os concellos galegos que así o requiran, teñan asinado convenio ou non, para facilitar a cobertura de prazas no caso de que fose necesario ante a actual situación de crise sanitaria e de Estado de Alarma.

 Ademais de ampliar a listaxe a todos os concellos, tamén se facilitarán ao máximo os trámites. Deste xeito, para poder facer uso desta listaxe, os concellos só terán que dirixir a súa petición directamente á AGASP no enderezo formacion.agasp@xunta.gal, indicando na súa solicitude que cumpre os requisitos esixidos para a contratación e comunicando tamén o número de prazas que solicita e o período da contratación. Cómpre lembrar que os concellos deberán comunicar esta contratación -de facerse efectiva- ao centro de coordinación da Delegación ou subdelegación de Goberno que corresponda.

 A bolsa de auxiliares está composta agora mesmo por unhas 130 persoas. De ser necesario ampliar esta listaxe, a Xunta poderá incluír na mesma a todas aquelas persoas que, tendo superado o proceso selectivo para a categoría de policía local, non obtiveran praza no último proceso selectivo convocado.

 A Xunta está a tomar todas estas medidas co obxectivo de facilitar, dentro das súas competencias, a cobertura de prazas de auxiliares de Policía Local daqueles concellos que poidan precisar cubrilas de forma urxente durante o Estado de Alarma.

Suspensión da actividade lectiva na AGASP

 Cómpre recordar tamén que o pasado 13 de marzo, e en cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias, a AGASP suspendeu a súa actividade lectiva. Por esta razón, adiantou tamén a parte práctica co curso selectivo da 12ª promoción de policías locais que, polo tanto, foron enviados aos seus concellos de destino para reforzar a atención durante o estado de alarma. Son un total de 134 persoas que se distribuíron en 31 concellos. Chegaron aos concellos o pasado 16 de marzo e permanecerán nos mesmos ata o remate do Estado de Alarma, cando se reanudará a actividade lectiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario