Galicia tramita a adquisición de máis material de protección destinado a profesionais e doentes para facer fronte á pandemia do coronavirus
Feijóo precisa que con esta contratación a Xunta de Galicia adquire máis de 7.230.000 de mascarillas cirúrxicas e máscaras respiratorias, máis de 600.000 batas de alta protección e preto de 22.000 botellas de solucións desinfectantes
Alberto
Núñez Feijóo, presidente do Goberno galego, na rolda de prensa do Consello
Foto: X.G.
Logo de que se fixese un chamamento ao sector produtivo galego co obxectivo de fabricar material en Galicia, o titular do Goberno galego anuncia a posta en marcha do comité de fabricación de equipamento sanitario
Salienta que os contratos de servizos e subministración da Xunta que non se poidan executar pola crise sanitaria ou polas restricións adoptadas quedarán suspendidos
Infogauda / Galicia
“Seguimos comprando gafas de protección,
batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas, guantes e
solución hidroalcohólica”, dixo o presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello, na que avanzou a
autorización dun novo expediente por valor de 6,7 millóns de euros para
pagar o xa comprado e habilitar crédito para seguir comprando máis
subministros sanitarios.
Máis polo miúdo, precisou que con esta
contratación o Executivo autonómico adquire máis de 7.230.000 de
mascarillas cirúrxicas e máscaras respiratorias, máis de 600.000 batas
de alta protección e preto de 22.000 botellas de solucións
desinfectantes. Ademais de materias primas para a elaboración de
material desinfectante e envases e tubos dispensadores para a
elaboración destes produtos.
Ao longo da súa intervención, Feijóo
aseverou que con esta compra, Galicia tramita por terceira vez de forma
urxente a adquisición de material ou equipamento destinado a pacientes, a
profesionais de toda a rede sanitaria do Servizo Galego de Saúde e aos
profesionais das residencias de maiores e de discapacitados internos. “E
agardamos que comece a chegar este fin de semana”, aseverou, incidindo
en que a subministración de material é e seguirá a ser unha das
prioridades da Comunidade.
Posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario
Neste
mesmo eido, e logo de que o pasado venres no Consello da Xunta, se
fixese un chamamento ao sector produtivo galego co obxectivo de fabricar
material en Galicia, Feijóo avanzou tamén a posta en marcha do Comité
de fabricación de equipamento sanitario e para a prevención de riscos
laborais.
Este comité identificará os estándares de calidade e
seguridade mínimos para que os produtos necesarios poidan utilizarse e
autorizará a súa fabricación, sen prexuízo dos correspondentes
expedientes de contratación. E estará integrado por un representante da
Consellería de Economía; da Axencia Galega de Innovación (Gain); do
Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); de XesGalicia; da
Dirección Xeral de Comercio e Consumo; do Instituto de Seguridade e
Saúde Laboral (Issga), así como das consellerías de Sanidade e de
Política Social.
Ao longo da rolda de prensa, Feijóo precisou que
ademais de coordinar a demanda e a oferta do tecido empresarial galego,
este comité activará unha liña de axudas ao investimento para facilitar
que as empresas poidan acometer as transformacións necesarias para,
deste xeito, abordar a fabricación inmediata de material de protección.
O presidente da Xunta quixo destacar a inmediata resposta do tecido empresarial galego, con máis de 40 propostas.
Sobre
este punto, resaltou que o sector téxtil e da confección comezou a
fabricar xa 12.000 batas médicas. “O Sergas tamén solicitou á industria á
elaboración de mandís sanitarios impermeables e hai ofertas de
produción doutros materiais, como pantallas protectoras”, explicou.
Contratos de servizos e subministracións da Xunta de Galicia
Por
outra banda, cómpre salientar que o Consello da Xunta aprobou esta mañá
unha instrución pola que os contratos de servizos e subministracións da
Xunta que non poidan executarse pola crise sanitaria ou polas
restricións adoptadas quedarán suspendidos. “Quedan excluídos deste
suposto os que non estean afectados por esta situación, e os que son
indispensables para o interese xeral e o funcionamento básico dos
servizos”, precisou.
Cómpre destacar que a suspensión non suporá
en ningún caso a resolución do contrato, xa que esta suspensión
levantarase cando cesen as causas que a provocaron.
Así mesmo,
quedan suspendidos tamén os contratos en fase de tramitación, se ben,
excepcionalmente, poderase continuar cos procedementos referidos ao
estado de alarma ou os indispensables para o interese xeral e o
funcionamento básico de servizos.
“En definitiva, esta instrución, que será publicada a vindeira semana, informará a todos os provedores da Xunta”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario