24 de mar. de 2020

A GUARDA

O concello adopta o primeiro paquete de medidas económicas por causa da alarma polo coronavirus 

• Para que ningún veciño da localidade teña que facer fronte a pagamentos ao concello mentres dure o estado de alarma. 

• A súa vez o concello prioriza a tramitación do pago de facturas a empresas e autónomos para dotar de liquidez as mesmas. 

Na imaxe, ubicación da oficina de Xestión Tributaria, na intersección da rúa José Manuel Andreini coa rúa Galicia
Foto: X.G.



Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, vén de facer público o seguinte comunicado:

 "O 14 de marzo declarouse, polo Goberno Central, o Estado de Alarma, inicialmente por 15 días, período que vai ser ampliado ata o 11 de abril. Estado de Alarma que é de aplicación a todo o territorio nacional  e que se decreta ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19. 

 Ante esta situación de emerxencia sanitaria o Concello de A Guarda adoptou unha serie de medidas para afrontar a situación de crise das que se deu traslado aos diferentes grupos políticos. Estamos diante dunha situación excepcional que require de medidas excepcionais, así o Concello de A Guarda adopta e fai público o primeiro paquete de medidas de carácter económico que teñen como obxectivo minimizar, na medida do posible, o impacto negativo desta crise na economía de veciños e empresas na súa relación coa administración local. 

 Para  iso, e despois de ter analizado a situación, o Concello de A Guarda adopta as seguintes medidas: 

 1.- Axilizar o pagamento ás empresas e subministradores do concello para trasladar liquidez aos mesmos. Este pagamento está xa preparado e estamos en condicións de proceder ao mesmo de xeito inmediato. 

 2.- Retrasar a data  da domiciliación  de diferentes taxas  para despois do remate do estado de alarma.

 3.- Ampliar o período de pagamento para a totalidade das taxas e impostos, pasando dun período  de 2 meses a tres meses. Retrasar o inicio do imposto de vehículos, que estaba previsto para  inicios do mes de abril, ata  o 1 de maio. 

 4.- Asi mesmo o concello de A Guarda  procederá á devolución aos particulares do importe correspondente a servizos que non se realizaron como por exemplo as andainas, pilates ou  ximnasia senior. 

 5.- Respecto da escola infantil, non se pasará ao cobro o importe polo tempo que permaneza pechada a instalación. Respecto do conservatorio imos esperar ao pronunciamento das autoridades educativas que están tomando en consideración  a ampliación do curso lectivo. 

 O concello seguirá analizando a situación e terá en consideración outras medidas  que poderán ser adoptadas en función de como vaia evolucionando a crise xerada polo COVID-19. Queremos trasladar á cidadanía e as empresas guardesas que, ante a situación excepcional que estamos vivindo, a administración local ten que ser  quen de adoptar medidas  tamén excepcionais  tendo como único horizonte a protección das empresas e dos nosos veciños e veciñas". 

 Isto parámolo se quedas na casa, gracias pola túa colaboración.

Anuncio do Concello de A Guarda
(Para lelo mellor, premer nas imaxes)

Ningún comentario:

Publicar un comentario