O Rosal e Vila Nova de Cerveira estreitan lazos
Primeira reunión oficial da alcaldesa Ánxela Fernández co presidente da câmara cerveirense, João Fernando Brito Nogueira
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, asinando no Libro de Honra da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, en presenza do presidente João Fernando Brito Nogueira
Infogauda / Vila Nova de Cerveira / O Rosal
A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou onte martes ao presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, João Fernando Brito Nogueira, para a presentación institucional destes dous concellos veciños que contan cunha fronteira común. Trátase da primeira reunión institucional entre ambos os dous mandatarios, na que Nogueira e Fernández destacaron o potencial dos dous municipios, territorios que contan con algunhas complementariedades fortalecidas pola súa proximidade xeográfica e polas posibilidades que ofrece a cooperación transfronteiriza.
Esta reunión supón o punto de partida para esa colaboración transfronteiriza e para o desenvolvemento de accións de futuro nas que os dous municipios traballen conxuntamente. Ambos mandatarios destacaron a importancia de tecer lazos entre as veciñanzas dos dous concellos e de aproveitar as potencialidades de cada un, como o destacado papel que xoga o tecido asociativo no Rosal.
Ánxela Fernández convidou ao presidente da câmara de Vila Nova de Cerveira a visitar o Rosal en próximas datas e así continuar traballando nas relacións transfronteirizas entre ambos concellos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario