O Desfile dos Coles da a benvida ao Entroido 2020 na vila
Será o venres día 21 de febreiro, arredor das 12:00 horas desde á Alameda
Infogauda / A Guarda
A concellería de Cultura e a concellería de Turismo do Concello de A Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades e que arranca xa na xornada deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila.
A programación inclúe, ademais das citas ineludibles do Desfile dos Colexios (venres 21 de febreiro) e do Desfile de Entroido (martes 25), diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras.
A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte do alumnado dos centro educativos do termpo municipal cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.
Na noite do sábado 22 de febreiro, ou Sábado de Guateque, a Alameda da vila será o epicentro dunha velada moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizará esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada “Bailongo session”, a cargo do DJ “Furry Destroyer”.
O domingo 23 de febreiro, a partir das 18:00h, a Alameda acollerá o “Domingo das Familias” co concerto Gramola Ye Ye e un obradoiro de pintacaras para nenos con Ma Nunú.
Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda, cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60 e 70, especialmente dedicado ao públicos familiar e xeral.
Para a xornada do luns día 24 de febreiro, a partir das 17:30h na Alameda, os nenos e nenas serán os protagonistas, co espectáculo infantil “Abordaxe Pirata” e “Minidisco” de Barafunda e un obradoiro de máscaras de Ma Nunú.
A “Abordaxe Pirata” é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes.
“Minidisco” continuará con máis amenización infantil para todos os que se acheguen ata a Alameda.
Xa para poñer o broche final a esta programación do Entroido 2020, o martes día 25 de febreiro ás 17:30h, terá lugar o “Desfile de Entroido”, dende a “Esquina Famosa” e percorrido polas rúas da vila ata a Alameda, acompañados da batucada “Bate no Cobre”, de Matamá (Vigo) e que conta con preto de 15 integrantes.
As inscricións para participar estarán abertas ata o 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3.000€. Bases completas na web municipal www.aguarda.es.
A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.
Menú de Entroido
Ao igual que en anos anteriores, a concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da localidade ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de caldo ou empanada, un segundo prato de lacón con grelos, unha sobremesa con filloas ou ourellas de Entroido, viño e café. O prezo é de 18€ por persoa.
Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ).
Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.
PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020
VENRES 21 DE FEBREIRO
DESFILE DOS COLES COA CHARANGA VAIA PANDA
Pola mañá
Organizan: Colexios da Guarda
SÁBADO 22 DE FEBREIRO
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto do Grupo Quedequé
E despois: pinchada con “Furry Destroyer”
A partir das 23:30 h., na Alameda.
DOMINGO 23 DE FEBREIRO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Concerto da Gramola Ye Ye
Pintacaras para nenos e nenas con Manunú
A partir das 18:00h., na Alameda.
LUNS 24 DE FEBREIRO
LUNS DOS NENOS
Espectáculo infantil “Abordaxe pirata” e
“Minidisco” con Barafunda
Obradoiro de máscaras con Ma Nunú
A partir das 17:30 h., na Alameda.
MARTES 25 DE FEBREIRO
MARTES DO DESFILE
Desfile de comparsas carrozas e grupos
acompañados da batucada “Bate no Cobre”
Consulta as bases en www.aguarda.es.
Ás 17:30 h., dende a Esquina Famosa ata a Alameda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario