Comunicado do BNG de Tui e Galiza Nova Baixo Miño, relativo ás medidas do goberno municipal para a mellora das instalacións da Biblioteca Municipal de Tui
Infogauda / Tui
O BNG de Tui e Galiza Nova Baixo Miño manifestan á cidadanía a súa satisfacción respecto á decisión do goberno municipal de mellorar o funcionamento e facilitar o acceso á rede wi-fi da Biblioteca Municipal de Tui, ademais de repoñer os ordenadores averiados, tal e como se recolle nun artigo do Faro de Vigo do 18 de febreiro.
A mellora da conexión a internet da biblioteca viña sendo demandada polos seus usuarios de maneira reiterada, sendo esta cuestión levada a pleno a través dunha moción presentada conxuntamente polo BNG de Tui e por Galiza Nova Baixo Miño. Galiza Nova levou adiante unha campaña a finais de 2019 e comezos de 2020 reclamando a mellora das instalacións da Biblioteca Municipal de Tui, recadando información entre os seus usuarios para coñecer de primeira man as deficiencias das súas instalacións e as eivas no seu funcionamento. O resultado de dita campaña concretouse na devandita moción presentada a pleno, que recolle reivindicacións relativas á mellora da internet, dos equipos, da iluminación e da insonorización da biblioteca.
Na información recollida no artigo do Faro de Vigo non aparece en ningún momento o papel do BNG nin de Galiza Nova en ditas demandas, a pesares das notas de prensa enviadas aos diferentes medios da comarca ao respecto. O BNG de Tui seguirá de preto as medidas tomadas polo goberno municipal para verificar que as deficiencias da Biblioteca Municipal son corrixidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario