13 de feb. de 2020

O ROSAL

Concello e adegueiros reúnense para preparar unha nova edición da Feira do Viño do Rosal  

Celebrarase o 17, 18 e 19 de xullo na Praza do Calvario   
 
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís - á dereita da imaxe - reuniuse cos representantes das adegas para traballar de xeito conxunto na vindeira Feira do Viño do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, reuniuse con representantes dos adegueiros e adegueiras da contorna para comezar a traballar de forma conxunta na vindeira Feira do Viño do Rosal, que este ano 2020 celebrará a súa XXVIII edición. Durante o encontro comezaron a sentarse as bases para introducir e implantar melloras nesta festa de interese turístico, sempre dende unha perspectiva de “estreitar lazos de colaboración e seguir a liña de traballo marcada para conseguir que a Feira do Viño non soamente manteña a súa calidade, senón que a incremente ano a ano”, salientou Fernández. 

 Para o Goberno local esta feira “é un instrumento único para poñer en valor un dos nosos distintivos de calidade, como é o feito de ser Denominación de Orixe Rías Baixas subzona do Rosal”, como destacou a alcaldesa. 

 A XXVIII Feira do Viño do Rosal celebrarase os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo na Praza do Calvario, tres días nos que a exaltación do viño rosaleiro e dos produtos típicos da zona convivirán con un amplo programa lúdico para todos os públicos. A D.O. Rías Baixas subzona do Rosal conta cun gran recoñecemento por parte de profesionais do sector e consumidores, grazas a especial mestura da uva albariño con variedades propias da comarca como a loureira, a treixadura ou o caíño branco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario