FALEMOS DO CAMIÑO
Últimas prazas libres para a andaina guiada "A pegada xacobea no Camiño guardés"
A andaina sairá o sábado día 15 de febreiro, ás 10:00 horas, desde A Pasaxe e está previsto que remate sobre as 13:00 horas en Ribadavila
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda informa das últimas prazas libres para participar na segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia.
Baixo a denominación "A pegada xacobea no camiño guardés", trátase dunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no barrio de Ribadavila da nosa localidade.
Desta volta Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do concello, fará de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda. Unha excepcional oportunidade para coñecer máis polo miúdo a importancia do Camiño Portugués na Guarda e a súa relación coa vila e coas súas xentes, así como o seu legado patrimonial.
A andaina sairá ás 10:00 horas, e está previsto que remate sobre as 13:00 horas, contando con prazas limitadas.
As inscricións continúan abertas a través do formulario en liña: https://forms.gle/8pCWKcpcqHX6eNJPA
Dese xeito a actividade nomeada Falemos do Camiño, contribuirá a amosar esta ruta xacobea dende diferentes perspectivas, convidando á poboación local a participar en
charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores,
históricos, turísticos e espirituais.
Esta andaina, continúa co ciclo de "xornadas" que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorreran o Camiño de Santiago dende A Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e a problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas.
A
finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a
poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os
peregrinos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario