PREVISIÓN PARA O MARTES 3 DE MARZO DE 2020 NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID/CASA DE GALICIA
Martes, 3
19:30 horas
A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acollerá a inauguración da exposición "HAI MULLERES", esculturas e cadros cerámicos do artista lucense Alfonso Otero Regal, quen ofrece esta mostra como homenaxe ao mundo matriacal galego do que procede, “mulleres sempre cheas de forza e vitalidade”. A mostra tivo a súa orixe no libro do mesmo título escrito por 48 autores no que cada un deles escribe un poema sobre a muller que máis marcou a súa vida, e que Otero Regal ilustrou, xuntando literatura e artes plásticas.
As obras de Otero Regal, (artista plástico, creador de cerámica, escultura, murais, ilustración, xornalismo e outras facetas culturais que cultiva desde os 18 anos), ofrecen ademais a particularidade de ter unhas cores propias dado que o artista tamén posúe estudos de formulación, o que lle permite crear gamas cromáticas persoais e exclusivas que el mesmo fabrica.
A mostra "HAI MULLERES” poderá visitarse na Casa de Galicia ata o 30 de marzo de 2020; en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario