A FGAMT-CIG acusa a CCOO de “buscar un lavado de cara” coa impugnación do convenio estatal de conservas de peixe
Denuncian que con esta manobra o sindicato español só pretende recuperar a representación perdida nas últimas eleccións sindicais
Infogauda / Galiza
A federación de Alimentación da CIG acusou onte a CCOO de “buscar un lavado de cara” coa impugnación do convenio estatal de conservas de peixe alegando que contempla categorías laborais con soldos por debaixo do SMI. Dende a central sinalan que o resto de asinantes do convenio están de acordo en corrixir esta cuestión sen ter que impugnar o convenio, “pero CCOO con esta manobra pretende recuperar a representación perdida no sector nas últimas eleccións sindicais”.
A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, amósase moi crítica ca actitude de CCOO e cualifica de “manipuladora e terxiversadora” a posición do sindicato nesta cuestión. Onte mesmo tivo lugar o acto de conciliación no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (Sima) en Madrid tras a demanda de CCOO, ao que a patronal, Feicopesca, non puido acudir por enfermidade da súa representación. “Tanto nós como a UGT solicitamos que se aprazase o acto, pero CCOO negouse, ademais de impedir que figurase na acta o noso posicionamento”.
Martínez lembra que tanto a CIG como UGT e a propia patronal -así o expresou nun comunicado- están de acordo en que as dúas categorías laborais que figuran nas táboas con salarios por debaixo do actual SMI -Aspirante de 1º ano e Aspirante de 2º ano- pasen a cobrar o que establece o Decreto mediante o que se incrementou o salario mínimo. “Todas coincidimos en que non é necesario impugnar o convenio, porque chegaría con contactar coas empresas que usan estas categorías -de habelas, porque nós non temos detectado ningunha para que lles paguen a cantidade correspondente”.
Por iso para a representante sindical o que busca CCOO coa impugnación e impedindo que o Sima se celebre outro día que poida acudir a patronal “é protagonismo, e facer agora o que non fixo no seu día cando anunciou que impugnaría o convenio, cousa que ao final non levou a cabo”. Considera tamén que detrás desta manobra agóchase un intento de recuperar a representación perdida no sector nas últimas eleccións. Martínez denuncia tamén a “hipocrisía” coa que actúa o sindicato español, “xa que no caso do sector da seguridade privada non lle importou pactar convenios nos que se deixa sen efecto a suba do SMI”. De feito, a Audiencia Nacional condenou a CCOO -tamén a UGT e USO- e ás empresas de seguridade Prosegur e Securitas por pactar medidas encamiñadas a anular o incremento do salario mínimo mediante a absorción de conceptos extrasalariais como os pluses de transporte e vestiario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario