21 de feb. de 2020

A GUARDA

A vila guardesa aumenta o número de prazas de estacionamento disuasorio 

• O alcalde do Concello de A Guarda asinou un convenio con Inmobiliaria Laguardia, S. A. para a cesión de uso do antigo Estadio do Trega

O alcalde de A Guarda e o presidente do consello de administración de Inmobiliaria Laguardia, S. A.,  asinaron onte un convenio de cesión de uso do antigo Estadio do Trega
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Na xornada de onte, xoves día 20 de febreiro de 2020, o alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e o presidente do consello de administración de Inmobiliaria Laguardia, S. A., José Luis Moreira Carrero, asinaron un convenio de cesión de uso da parcela do antigo Estadio do Trega, situada no centro da vila e que conta cunha superficie total de 10.900 m2. 

 Desde o executivo municipal indican que "o documento asinado por ámbalas dúas partes contempla a cesión totalmente gratuíta da parcela, por un período de dous anos, para usala como aparcamento público e outros eventos de interese para o pobo da Guarda". 

 Asemade salientan que "con esta nova incorporación ás zonas de aparcamento disuasorio, que na actualidade dispón o Concello, quedan cubertas sobradamente as necesidades ordinarias e incluso as que poidan representar eventos puntuais con afluencia masiva de visitantes". 

 "Dende o Concello da Guarda agradécese a disposición da dirección e accionistas da Inmobiliaria Laguardia, S. A. por esta cesión, amosando unha vez máis, a súa vontade de colaboración co pobo da Guarda", sinalan desde o Grupo Municipal de Goberno.

1 comentario:

  1. A ver se así evitan que Concepción Areal e San Benito sexa un aparcadoiro que non podemos pasar os peatons, aunque igual se a policia local cando pasa, que pasa, e moitas veces a pe, puxera unha multa axudaria.

    ResponderEliminar