17 de feb. de 2020

DEPORTES

PIRAGÜISMO

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM 


No máis alto do podio, Luís Pereira, que na modalidade C1 sénior, acadou a medalla de ouro tanto no sábado como no domingo

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Esta fin de semana celebrouse en Mondariz Balneario, nas augas do río Tea, a 1ª Copa de España de slálom, inaugurando así a Liga Española de Slálom. Case douscentos deportistas de toda España acudiron ao evento. Este ano con nova normativa, pois os dous días de competición tiveron semifinais e finais, e nas dúas xornadas houbo entrega de medallas. Tamén se agruparon as categorías cadete, nados en 2004 e 2005, e júnior, nados en 2002 e 2003, nunha única categoría, a xuvenil.  

 A xornada do sábado transcorreu sen incidentes, non así a do domingo, na que o vento fixo estragos en moitos participantes, ao moverlles as portas no momento de ter que pasalas.  

 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con nove deportistas, que deron o mellor de si mesmos nas augas do río Tea.  

Luís Pereira - no centro da imaxe - con unha das dúas medallas de ouro que acadou
Luís Pereira, de novo no podio, coa súa segunda medalla de ouro


 A mellor participación foi a de Luís Pereira, que na modalidade C1 sénior, acadou a medalla de ouro tanto no sábado como no domingo. Impresionantes as baixadas do deportista de Salceda que gañou as dúas finais da máxima categoría con varios segundos de diferencia do resto dos finalistas.  

Brais Castro


 Brais Castro, tamén en C1 sénior logrou entrar en finais nos dous días, o sábado rematou en sexto lugar e o domingo, nunha baixada  fixo o segundo mellor tempo, por detrás de Luís, acadando a medalla de prata. 

Manuel Ochoa


 Manuel Ochoa, en K1 sénior, superou as clasificatorias sábado e domingo, e aínda que aspiraba a algunha medalla, non foi quen de acadar podio, rematando os dous días en cuarto lugar.  

 Samuel Castro

 Samuel Castro, en C1 xuvenil, o sábado, conseguiu entrar en finais, rematando sétimo. Xa no domingo, non deu superado as clasificatorias, rematando décimo terceiro.  

Sergio Rodríguez
Alexis Segadaes
 Mateo Alvarez
 
 Sergio Rodríguez, en K1 xuvenil, o sábado rematou décimo terceiro, quedando fóra de finais. No domingo, nunha gran baixada, acadou finais co quinto mellor tempo da categoría, rematando sexto na final. Na mesma categoría Alexis Segadaes e Mateo Álvarez, aínda que non fixeron case penalizacións, e fixeron baixadas correctas, non deron acadado finais. Alexis rematou vixésimo segundo o sábado e vixésimo o domingo; e Mateo Álvarez quedou no trixésimo oitavo e trixésimo noveno.  

Ainhoa Barreiro
Alba Soutelo


 Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo dobraron participación en K1 e C1 xuvenil. O sábado Ainhoa acadou finais tanto en caiac como en canoa, rematando novena nas dúas categorías. O domingo so acadou finais en canoa, rematando undécima en K1 e quinta en C1. Pola súa banda Alba entrou en finais en C1 tanto o sábado, rematando sexta, como o domingo, rematando sétima. Na modalidade K1, rematou undécima e décimo quinta, boas posicións, pero fóra de finais.  

 Destacar o mérito dos postos das nenas e nenos da categoría xuvenil, pois todos eles están na franxa de idade cadete, dous anos menos que moitos dos seus competidores xa en idade júnior.  

 Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño, rematou en quinto lugar cun total de 385 puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario