Román Rodríguez gaba o legado de Rosalía de Castro nun ano de grandes conmemoracións para a cultura galega
O conselleiro de Cultura e Turismo visitou a sede da Fundación Rosalía ás portas do 183 aniversario da poeta, que terá lugar o próximo luns
Agradeceu o traballo da entidade encargada de preservar a memoria da escritora á hora de difundir a súa obra e os valores da cultura galega
De esq. a der.: O presidente da Fundación
Rosalía, Anxo Angueira; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o
alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e o secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García
Foto: X.G.
Infogauda / Padrón
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a Rosalía de Castro como “galega universal” e subliñou a necesidade de seguir poñendo en valor o seu legado ás portas do Día de Rosalía, que terá lugar o luns 24 de febreiro, coincidindo co 183 aniversario do nacemento da poeta.
Fíxoo durante unha visita á sede da fundación encargada de preservar e difundir a obra da escritora galega á que tamén acudiron o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.
O responsable de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia agradeceu o traballo da Fundación Rosalía á hora de preservar e difundir a memoria da poeta e os valores da cultura galega nun ano especialmente destacado para a nosa Comunidade, ao coincidir o 200 aniversario do nacemento de Concepción Arenal, o centenario da Xeración Nós e de Isaac Díaz Pardo e o ano Carvalho Calero.
Deste xeito, Román Rodríguez puntualizou a necesidade de seguir avanzando no impulso da Casa Museo dedicada á escritora, en eidos como a mellora das instalacións para favorecer a accesibilidade a persoas ou grupos con mobilidade reducida, así como diversas actuacións no xardín rosaliano. En paralelo, a Fundación Rosalía aproveitou para dar a coñecer a súa nova web, cun renovado deseño e novos contidos para profundar na figura da autora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario