4 de feb. de 2020

A GUARDA

O Concello fixo públicas as bases de participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020 na vila 

• Repartiranse máis de 3.000€ en premios nas diferentes categorías 

• O desfile sairá o Martes de Entroido, ás 17:30h dende a Praza de San Bernardo 



Infogauda / A Guarda

 Co obxectivo de manter a tradición local a través da participación de tódolos veciños e asociacións da localidade, o Concello da Guarda deu a coñecer na mañá de hoxe, as Bases de Participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020, que terá lugar o martes día 25 de febreiro ás 17:30h. dende a Praza de San Bernardo (“Esquina Famosa”), e que percorrerá as rúas Galicia e Rosalía de Castro ata a Alameda da vila.  

 As bases de participación pódense consultar na web municipal www.aguarda.es  e na sede electrónica http://aguarda.sedelectronica.gal/info.0. sendo preciso cubrir o formulario de participación e a documentación solicitada e formalizar a inscrición entre o 11 e o 20 de febreiro, ben no rexistro municipal (en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres) ou na sede electrónica. 

 Poderán remitirse inscricións por vía postal, seladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude, de xeito que quede constancia da entrega dentro do prazo establecido. Para garantir este feito, rógase adiantar por correo electrónico a cultura@aguarda.es a copia da solicitude selada na oficina de Correos. Ao igual que o resto de solicitudes, estas inscricións só terán validez se veñen acompañadas da documentación obrigatoria.   

 Asemade, como en anos anteriores contarase con varias categorías de participación, con opción a compensación económica ou libre, destacando as carrozas, as comparsas ou os grupos, con premios que superan en total os 3.000€.  

 A Concellería de Cultura quere animar un ano máis á xente da Guarda, con especial mención ós nosos nenos, a participar no desfile de Entroido, aínda que non sexa na modalidade concurso, para encher de colorido as nosas rúas nun ambiente festivo e de lecer. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario