21 de feb. de 2020

O ROSAL

O Rosal vai acoller ‘DepoFroito’, unha acción formativa para impulsar as producións de froitos do bosque  

Este programa da Deputación de Pontevedra inclúe 20 horas de formación en liña e un taller práctico o 11 de marzo no centro de formación ocupacional A Mata   




 Infogauda / O Rosal

 Impulsar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos e de calidade, e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran dedicarse a esta actividade, son os obxectivos principais de ‘DepoFroito’. Unha acción formativa de balde posta en marcha pola Deputación de Pontevedra e que chegará ao Rosal o vindeiro mes de marzo. 

 O curso, destinado a persoas empregadas ou desempregadas inscritas como demandantes de emprego, contará con 20 horas de formación en liña relacionadas con accións de innovación social sobre o emprendemento ou a internacionalización neste sector e cun taller informativo que terá lugar o 11 de marzo no centro de formación ocupacional da Mata, no Rosal, en horario aínda por determinar.  

 A través dunha experiencia innovadora de formación e de acompañamento específico, as persoas participantes coñecerán as oportunidades de negocio que ofrece o sector dos froitos do bosque e afondarán en aspectos como a tramitación de axudas e subvencións ou a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros. Todo a través de dúas innovadoras ferramentas en liña: un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das vendas cunha serie de recomendacións de actuación. Ademais, cada persoa participante contará cun servizo de asesoría e consultaría en liña gratuíto coa que sexa máis doado xestionar a creación e mantemento de empresas relacionadas co cultivo, elaboración e transformación de froitos do bosque.  

 Con iniciativas como ‘DepoFroitos’ búscase “formar aos rosaleiros e rosaleiras e fomentar as ideas de negocio que sirvan para promover o desenvolvemento sustentable da nosa contorna e crear emprego de calidade. Temos que ofrecer solucións creativas e innovadoras aos retos que temos diante, como pode ser a xeración de postos de traballo con medidas sustentables e respectuosas co medio ambiente dando valor engadido aos produtos cultivados no municipio”, salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. 

 As persoas interesadas en inscribirse poden facelo acudindo á Axencia de emprego do Concello do Rosal ou chamando ao 986 625 000, escribindo un correo a depofroitos@depo.es ou ben a través do teléfono 886 210 725 extensión 40734. Non hai data límite para inscribirse. 

 O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a Fundación Biodiversidade a través do Programa EmpleaVerde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario