4 de feb. de 2020

A GUARDA

As persoas participantes no Obradoiro de Emprego continúan coa súa formación  
 
Vista parcial dalgunhas das persoas que participan no obradoiro de emprego de “Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio”
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 En novembro de 2019 arrancaba na Guarda o obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VI” de “Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio”, un programa mixto de emprego e formación no que 20 persoas acadarán un certificado de profesionalidade.  

 A finalidade do obradoiro e mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas posibilitando ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, busque a súa cualificación profesional e inserción laboral nun sector, o asistencial, con unha importante demanda.  

 Este obradoiro forma parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral.  

 As persoas participantes reciben ademais unha formación complementaria con módulos de sensibilización ambiental, alfabetización informática, inserción laboral e técnicas de busca de emprego, creación de empresas, formación para a igualdade, prevención de riscos laborais e manipulador de alimentos.  

 O programa de axuda no fogar é un recurso que ten por obxecto prestarlles ós cidadáns no seu domicilio un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando a súa posible institucionalización.  

 Xunto co persoal de Servizos Sociais do Concello da Guarda planifícanse xa as prácticas que se levarán a cabo en domicilios por parte dos 20 alumnos e alumnas participantes.  

 Tal e como manifestou o alcalde, este é o primeiro obradoiro que se realiza na vila dende o ano 2008, motivo de satisfacción para o Concello, posto que permitirá formar a persoas da Guarda nun sector cunha alta demanda na actualidade, promovendo o emprego e a calidade da atención ás persoas dependentes, o que repercutirá na calidade de vida dos nosos veciños.  

 A concelleira de Formación e Desenvolvemento Local agradeceu que á Xunta de Galicia que aprobase a realización deste obradoiro na vila, unha vella demanda, que permite ter na Guarda novamente unha formación de calidade cun alto índice de inserción laboral, convidando ao alumnado participante a aproveitar os coñecementos que van a adquirir neste obradoiro para mellorar a nivel persoal e laboral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario