A Xunta de Galicia mellora o equipamento de atención ás emerxencias de oito Agrupacións de Protección Civil da provincia de Pontevedra
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega hoxe do novo equipamento
As
Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos de
Redondela, Vilagarcía, Poio, Marín, Cercedo-Cotobade e da Mancomunidade
do Val Miñor e a Agrupación Oitavén-Tea recibiron cadansúa tenda de
campaña para a atención ás emerxencias e os efectivos do Rosal un
vehículo pick-up
Foto: X.G.
Infogauda / Pontevedra
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de sete tendas de campaña de atención ás emerxencias e un vehículo pick-up para reforzar o equipamento de oito Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Pontevedra.
Á entrega tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Deste xeito, as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Redondela, Vilagarcía, Poio, Marín, Cerdedo-Cotobade, así como da Mancomunidade do Val Miñor e a Agrupación Oitavén-Tea contarán con cadansúa tenda de campaña para despregar en situacións de emerxencia. Ademais, a agrupación do Rosal recibiu un vehículo todo terreo pick up.
As tendas son de fácil transporte e montaxe e desmontaxe. Tamén contan cunha estrutura reforzada de aluminio anodizado e lona de poliéster impermeable e coa opción para instalar focos LED, xunto con catro tomas de corrente. Unha vez montadas ocupan unha superficie de 16 metros cadrados cunha altura máxima de 2,47 metros.
Alfonso Rueda destacou a importancia de que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado que lles permita levar a cabo o seu traballo con seguridade e ofrecer unha resposta eficaz ante calquera intervención.
A colaboración entre a Xunta e os concellos en materia de protección civil e emerxencias permite dotar aos membros dos servizos municipais dun equipamento adecuado que reforce a súa seguridade e, por ende, a dos seus veciños.
A entrega de hoxe da continuidade á folla de ruta iniciada para mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención de riscos e nas intervencións en emerxencias en calquera punto da comunidade galega mediante a dotación de máis material e equipamento ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).
A Administración autonómica realizou nos últimos anos un importante investimento en medios materiais para as AVPC, que supera os 12 millóns de euros en equipamento cedido desde 2015.
O Goberno galego tamén mantén a aposta pola formación actualizada no eido das emerxencias que se imparte de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Ningún comentario:
Publicar un comentario