2 de xan. de 2020

PONTEVEDRA

O Plan Concellos de Deputación de Pontevedra fixo posible a execución de case 750 obras na provincia e a contratación de máis de 2.000 persoas desempregadas durante 2018 e 2019  

O deputado de Economía e Facenda, Carlos López Font, subliña que a Deputación financia o 90% das actuacións que se levan a cabo nos municipios pontevedreses "ata o punto de que o Plan Concellos converteuse na medida do éxito dunha alcaldesa ou alcalde"

O deputado  de Economía e Facenda, Carlos López Font, na rolda de prensa da mañá de hoxe
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra financiou durante as anualidades de 2018 e 2019 un total de 748 obras na provincia de Pontevedra, fixo posible a realización de 461 actividades socioculturais nos concellos, ademais do pronto pago a provedores e, finalmente, significou a contratación de 2.007 persoas desempregadas para a xestión de servizos municipais. Os datos foron proporcionados polo deputado de Economía e Facenda, Carlos López Font.  

 O deputado Font afirmou que o 90% da obra pública que se executou na provincia de Pontevedra nos municipios de menos de 50.000 habitantes neste período foi financiada pola Deputación principalmente a través do Plan Concellos e, en menor medida, polos plans extraordinarios de reequilibrio para compensar a situación dos que non tiñan recibido investimento provincial algún ata o ano 2015, data na que se produciu o relevo na Presidencia da institución. "O Plan Concellos é a espiña dorsal da obra pública nesta provincia". "Converteuse", remachou, "na medida do éxito na xestión dos alcaldes e alcaldesas, porque boa parte do que se fai nun concello finánciase con este instrumento".  

 López Font compareceu para render contas das convocatorias conxuntas dos anos 2018 e 2019 e así destacou que no marco deste instrumento executáronse obras que melloraron a calidade de vida da veciñanza de toda a provincia en materia de infraestruturas, saneamento, abastecemento de auga, urbanizacións, pavimentacións rurais e mellora de edificios municipais. Ademais, adquiríronse bens e equipamentos polos concellos e realizáronse actuacións culturais, deportivas ou sociais. Fíxose o posible o cobro por parte de provedores que, doutro xeito, tardarían moito máis en ver satisfeitas as súas facturas e, finalmente, traduciuse na sinatura de máis de dous milleiros de contratos para persoas desempregadas que desempeñaron traballos de administrativos/a, peóns de obra pública, socorristas de praia e/ou piscinas, electricistas, fontaneiros/as, albaneis, informáticos/as, carpinteiros/as, persoal de información turística e técnicos/as de todo tipo nos seus respectivos concellos.  

 O deputado subliñou que o balanzo dos Plans Concellos 2018 e 2019 debe ser global porque as dúas anualidades foron convocadas conxuntamente de xeito excepcional pola Deputación para atender aos efectos provocados pola vaga de lumes producida no outono de 2017, unha situación de emerxencia que provocou numerosos danos e prexuízos en gran parte do territorio provincial. Deste xeito, a convocatoria estivo dotada cun total de 85,6 millóns de euros (42,2 millóns correspondentes a 2018 e 43,4 millóns a 2019).  

 López Font subliñou que o Plan Concellos, creado en 2016 pola Deputación de Pontevedra, fixo  posible obras e contratos que doutro xeito serían imposibles para os municipios desta provincia (todos os de poboación inferior aos 50.000 habitantes), especialmente os máis pequenos. Neste senso engadiu que o operativo proporciona un financiamento asegurado que, na meirande parte constitúe todo o capítulo 6 (investimentos) e boa parte do 2 (gasto corrente). "Un financiamento apartidista, equilibrado  e igualitario en función das características da nosa provincia", recalcou.  

 O deputado responsable das Contas provinciais recalcou que o Plan Concellos é un sistema de transferencias regradas aos concellos que en só tres anos converteu á Deputación de Pontevedra na que máis cartos transfire aos concellos en toda España. Segundo datos oficiais do Ministerio de Hacienda, un 30% dos recursos totais provinciais acaban nas arcas municipais, moi por enriba da media estatal de transferencias, que está nun 17 % e moito máis por enriba aínda da porcentaxe que transfire a Deputación de Ourense, que queda nun 0,06%. "Quero recalcar que dende que Carmela Silva é presidenta, os concellos reciben o que lles corresponde de xeito regrado", subliñou Font. "O señor Louzán decidía, licitaba e contrataba a dedo, é dicir, por resolución presidencial; agora hai transferencias e a presidenta nin se inmiscúe nin decide as obras que realiza cada concello". López Font destacou que a importancia do Plan Concellos non é só cualitativa, senón mesmo cuantitativa, pois en 2018 supuxo un investimento que superou nun 75% ao realizado no ano 2015, último Orzamento provincial aprobado polo Partido Popular co "modelo Louzán". A diferencia creceu ata o 77,5% durante o ano 2019.  

 O deputado recalcou que o Plan Concellos é especialmente sensible cos concellos máis pequenos e rurais porque reparte os seus fondos en base á poboación, extensión e dispersión territorial. Así explicou que dos 85,60 millóns de euros totais das dúas anualidades, 38,05 millóns de euros foron para os municipios de menos de 10.000 habitantes, que son os que máis recibiron. Os de entre 10.000 e 20.000 habitantes recibiron 29,4 millóns e, finalmente, entre os máis grandes, con máis de 20.000 habitantes  repartíronse 18,15 millóns de euros. "Queda claro que o PP minte  cando di que se inviste menos nos concellos mais pequenos, porque é todo o contrario".  

 Durante a súa exposición debullou os resultados das dúas anualidades e destacou que o instrumento provincial permitiu tamén aos concellos utilizar os 1,3 millóns euros produto das baixas nas adxudicacións de obras e servizos neste período. "Antes, co modelo Louzán, o presidente quedaba coas baixas; agora ningún concello tivo que devolver recursos á Deputación por este concepto e disporán ata setembro de 2020 para empregalos en novos investimentos", recalcou. Como exemplos indicou que hai concellos que están utilizando "ata o último céntimo" para compra de mobiliario, actuacións en materia de  accesibilidade, mellora enerxética ou pequenas obras.  

 "Non hai ningunha alcaldesa ou alcalde (con independencia do signo político) que queira volver ao modelo de Louzán", concluíu López Font, quen engadiu que o PP xa non quixo responder durante os plenos de aprobación dos Orzamentos á pregunta sobre se defende recuperar o anterior modelo. "E nós tampouco, porque o caciquismo combátese con equidade e transparencia, non con máis caciquismo", continuou, "máis aínda, existe unanimidade na necesidade de que a Xunta se sume ao financiamento municipal con criterios equivalentes aos do Estado e da Deputación".  O deputado destacou que máis alá do debate político oportunista "os concellos da provincia de Pontevedra son maiores de idade dende o 1 de xaneiro de 2016, data de entrada en vigor do Plan Concellos". Na súa opinión, a Deputación de Pontevedra é hoxe "un instrumento ao servizo dos concellos" e a "responsabilidade última na escolla das obras e actuacións e na súa execución é das xestoras e xestores municipais dos fondos que nós poñemos para que poidan despregar políticas de proximidade e útiles contra o despoboamento rural".

Ningún comentario:

Publicar un comentario