16 de xan. de 2020

PONTEAREAS

MÁIS DA METADE DAS VIVENDAS DA PARROQUIA PONTEAREANA DE ARCOS, IMPLICADAS NA COMPOSTAXE  

Hoxe realizouse a segunda entrega de composteiros individuais entre a veciñanza e agárdase que os efectos na xeración de residuos se noten en pouco tempo  

               Imaxe da reunión de hoxe na que se repartiron os composteiros individuais. 
   Foto: D.PO.


Infogauda / Ponteareas

 A veciñanza da parroquia de Arcos, no concello de Ponteareas, está a apostar pola compostaxe. Máis da metade das vivendas da parroquia dispón xa dun composteiro individual no que poder compostar o seu lixo orgánico en lugar de tiralo ao colector verde despois de que hoxe se realizase a entrega do segundo lote de recipientes que a Deputación concedeu ao Concello ao abeiro do Plan Revitaliza.   

 A proposta do equipo técnico provincial, coa que concordou o concello de Ponteareas, foi de escoller e focalizar os esforzos para implantar a compostaxe na parroquia de Arcos por ser un núcleo definido, rural e na que se prevé que a instalación de composteiros individuais vai ter efectos na xeración de residuos que se notarán en pouco tempo. O obxectivo é reducir as toneladas de lixo que se recollen nos colectores verdes e, polo tanto, o custe que debe pagar o Concello por enviar eses residuos a queimar a Sogama (transporte e tratamento).  

 Para poder implantar a compostaxe o persoal técnico da Deputación (mestras e mestres composteiros) fixeron visitas casa por casa, explicando o plan, os beneficios da compostaxe e convidando ás próximas entregas de composteiros.  

 Nas dúas xornadas de reparto (xoves pasado e hoxe) repartíronse uns 70 composteiros. Nas próximas semanas o persoal técnico visitarán máis viviendas para entregar o material e formar en compostaxe á veciñanza dunhas 20 casas da parroquia, por tratarse de persoas maiores ou sen posibilidade de ir a recoller o composteiro ao local onde se realizou o reparto.          

 Todo o persoal técnico amosou a súa satisfacción pola boa acollida por parte da veciñanza, xa que sendo voluntaria a participación conseguíuse unha cifra moi alta de familias participantes, xa que terán composteiros máis da metade das vivendas habitadas da parroquia de Arcos.  

 O Concello de Ponteareas está adherido ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra dende o ano 2016. Conta cun mestre composteiro en plantilla do concello dende novembro do 2018 (gracias a unha subvención da Deputación), e ten instalados dous centros de compostaxe comunitaria no núcleo da vila, un zona de Perilla (outubro 2016) eoutro na zona Feira Vella (xaneiro 2017) onde se levan xestionado preto de 65 toneladas de biorresiduos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario