Nava Castro salienta no Porto a total colaboración da Xunta coas administracións portuguesas para promover o Camiño
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Portugal na presentación do proxecto europeo ‘Fazendo o Camiño’ do que a Xunta é socio
Subliñou as oportunidades do crecente peso do Camiño Portugués e a súa variante costeira, que xuntos suman máis de 96.000 peregrinos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Porto na presentación do proxecto europeo Fazendo o Camiño
Foto: X.G.
Infogauda / Porto (Portugal)
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Porto na presentación do proxecto europeo Fazendo o Camiño, no que a Xunta de Galicia participa xunto a Turismo Porto-Norte de Portugal, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable patrimonial, cultural e natural.
Como
indicou a directora, ao abeiro deste proxecto, a Xunta asesora ao país
luso na súa xestión, sinalización, mantemento, promoción e divulgación
ao redor do Camiño de Santiago tendo moi en conta que o Camiño Portugués
e a súa variante costeira suman máis de 96.000 peregrinos e están a
vivir un importante crecemento nos últimos anos. É, dixo, unha gran
oportunidade para ambos territorios, especialmente para os concellos do
rural onde en Galicia se ten comprobado que xenera riqueza e supón un
impulso socieconómico.
Recordou a experiencia que a Xunta ten á
hora de realizar labores de conservación, mantemento e divulgación do
Camiño de Santiago, así como na atención ao peregrino con máis de 70
albergues na súa rede pública. Asegurou que proxectos como Fazendo o
Camiño permiten que toda esa experiencia poda ser compartida con
Portugal e reforzar así as sinerxías entre ambos territorios.
Traballo de campo
A
presentación de hoxe dá continuidade ás accións emprendidas o pasado
ano cando se celebraron en Galicia as primeiras reunións técnicas para
dar a coñecer o modelo de xestión así como os traballos de cara ao
vindeiro Ano Santo. Tamén se realizaron visitas de campo para coñecer a
rede pública de albergues da Xunta, amosando o traballo na
rehabilitación de inmobles para a acollida de peregrinos tomando como
exemplo o Camiño de Fisterra e Muxía.
Fazendo o Camiño foi
aprobado no marco da segunda convocatoria do Programa Interreg V
(POCTEP) e desenvolverase ata o ano 2021, cunha serie de actividades que
buscan mellorar a xestión conxunta e a afluencia turística do Camiño de
Santiago, así como incrementar a implicación local na conservación e
protección da ruta xacobea.
Entre as distintas actividades
programadas incluirase a creación en Portugal do Consejo Luso-Galaico do
Camiño de Santiago no que estarán representados todos os beneficiarios
que buscará lograr o recoñecemento institucional que precisan as rutas
xacobeas en Portugal para o seu desenvolvemento ordeado e sustentable.
Asesoramento para a regulación portuguesa
En
virtude deste programa tamén se prevé a realización de estudos e
análises estatísticos que permitan coñecer as particularidades do Camiño
de Santiago en territorio luso e galego que sirvan como base dunha
estratexia transfronteiriza conxunta atendendo a todas as compoñentes da
ruta xacobea, tanto territorial como turística, económica e
patrimonial.
Este proxecto encaixa nos obxectivos plasmados no
Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 no que a Xunta de Galicia traballa coa
vista posta no Ano Santo para protexer e divulgar todas as rutas de
peregrinación e afondar na colaboración e coordinación entre distintos
países. Ademais tamén dá continuidade aos traballos conxuntos
emprendidos entre Galicia e Portugal desde 2015, que fixeron posible a
posta en marcha do decreto-lei que regula o Camiño de Santiago no país
luso. Trátase dunha regulación que contou co asesoramento de Galicia,
participando nalgunhas das reunión e consultas sobre esta normativa coa
intención de harmonizar a xestión ao redor do Camiño en ambos
territorios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario