Campaña #MilManerasdeVoluntariado
Cruz Vermella promove novas formas de voluntariado
· Cruz Vermella lanza unha campaña para promover o voluntariado na organización dunha forma fácil, áxil e flexible.
· Hai moitas formas de facer voluntariado en Cruz Vermella e unha perfecta para cada persoa.
· Preto de 200.000 persoas realizan actividades de voluntariado en Cruz Vermella
Cruz Vermella Baixo Miño / A Guarda
Cruz Vermella, na súa aposta pola innovación social, promove novas formas de voluntariado, contando coas capacidades e coñecementos que teñen as persoas, para que axudar a quen máis o necesitan sexa cada vez máis sinxelo.
Manu ensina o idioma a persoas refuxiadas, María apoia nas súas tarefas escolares a nenos e nenas en dificultades, Lucía deseña proxectos de prevención de violencia de xénero, José Luque fai talleres de alfabetización dixital, Nati organiza actividades de lecer e tempo libre para mozos con discapacidade, Julián axuda ás familias para loitar contra a pobreza enerxética e Yenis defende os dereitos humanos difundindo en redes sociais iniciativas de Cruz Vermella.
Todas elas son persoas voluntarias que protagonizan a nova campaña #MilManerasdeVoluntariado e demostran cos seus testemuños que se queres axudar en Cruz Vermella agora é máis fácil, áxil e flexible, está ao alcance de todas as persoas e pódese colaborar de moitas maneiras, achegando cada un o noso granito de area.
No Baixo Miño as accións da campaña darán comezo no inicio deste ano cunhas accións de divulgación sobre o voluntariado nos IES Antón Alonso Ríos (17 de Xaneiro), IES A Sangriña (31 de Xaneiro) e vanse a estender ao longo do mes de febreiro nos IESP da Comarca: IES San Paio e Indalecio Pérez Tizón (11 de Febreiro), así como IES Primeiro de Marzo. Ademais estase facendo chegar a información aos diferentes institutos, centros de Formación profesional e entidades da cidade: Bibliotecas Municipais, asociacións, centros de saúde, etc.
Tamén se poderá seguir a campaña a través das redes sociais no Facebook provincial e no twiter autonómico baixo a etiqueta # milmanerasdevoluntariado. org
Actualmente a asemblea de Baixo Miño conta coa colaboración dun equipo de voluntariado activo de máis de 30 persoas que cada día participan dunha forma solidaria e altruísta no desenvolvemento dos diferentes programas de acción que atenden a máis de 350 persoas na comarca.
Tal dedicación voluntaria permite a realización dunha serie de actividades e servizos que non serían viables sen a achega dos voluntarios. Con todo, a maior demanda de servizos sociais e os novos problemas emerxentes fan necesaria unha maior incorporación de voluntarios á nosa Institución. Para este ano 2020 expuxémonos o obxectivo de incrementar nun 10% o nº de voluntariado que habitualmente participan nos nosos programas.
Os destinatarios son aquelas persoas maiores de 18 anos, con inquietudes sociais e que dispoñan de varias horas libres á semana. Ademais, non fai falta ter un perfil específico, xa que a institución facilita aos seus voluntarios a formación necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade. Principalmente pretendemos ampliar o número de persoas voluntarias maiores de 55 anos, que dispoñen de gran cantidade de tempo libre e ofrecen un bo nivel de responsabilidade e compromiso, tamén esperamos aumentar o número de persoas mozas de entre 18 e 30 anos que se animen a participar nos diferentes proxectos que desenvolvemos dirixidos á infancia.
Como reto para os próximos anos, Cruz Vermella quere diversificar o perfil do voluntariado incorporando novos colectivos como son as mulleres, novas, estranxeiros e os xubilados e prexubilados que son cidadáns en plena capacidade que necesitan e desexan realizar actividades de lecer e tempo libre, pero tamén estar activos e sentirse útiles. Desta forma Cruz Vermella quere que os seus voluntarios sexan o reflexo da sociedade actual, de todas as idades e colectivos.
Hai moitas formas de facer voluntariado en Cruz Vermella e unha perfecta para cada persoa.
A campaña #MilManerasdeVoluntariado conta cunha web propia para coñecer as historias e desde a que apuntarse ao voluntariado de Cruz Vermella: www.milmanerasdevoluntariado.org
En 2019 preto de 200.000 persoas en España realizaron voluntariado en Cruz Vermella, dedicando o seu tempo e esforzo en actividades solidarias para apoiar ás persoas que máis o necesitan. O Voluntariado é un dos 7 Principios Fundamentais de Cruz Vermella: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.
RECURSOS AUDIOVISUAIS
Web campaña #MilManerasdeVoluntariado de Cruz Vermella: www.milmanerasdevoluntariado.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario