21 de xan. de 2020

LABORAL

A CIG mobilízase contra o acoso a un afiliado na empresa Drovi do Porriño  


Desde á central sindical afirman que a campaña da dirección contra o traballador comezou tras reclamar os seus dereitos laborais

Un grupo de delegados/as da CIG mobilizouse hoxe diante da empresa Drogas Vigo (Drovi) no Porriño 
Foto: CIG
Infogauda / O Porriño

 Un grupo de delegados/as da CIG mobilizouse hoxe diante da empresa Drogas Vigo (Drovi) no Porriño "para denunciar o acoso que padece un afiliado da central por parte do xefe a raíz de reclamar os seus dereitos laborais".   

 Desde a CIG refiren que "o afectado, con case 30 anos de antigüidade na empresa dedicada ao transporte de mercancías perigosas, tivo un desencontro co propietario da compañía, tras o que comezou unha campaña de acoso contra el consistente nun control exhaustivo das súas accións e na modificación das súas condicións laborais.  

 De feito, foille retirado o seu vehículo habitual e trasladado da ruta que acostumaba a cubrir, derivándoo a unha función con máis carga física a pesar de que o empregado padece un problema nun ombreiro. Estes cambios conlevaron a retirada dos complementos salariais dos que si gozan os seus compañeiros/as".   

 Diante disto, "a CIG presentou unha serie de denuncias na Inspección de Traballo, que decidiu impoñerlle unha sanción moi grave á empresa unha vez que a inspectora foi quen de documentar o que estaba a acontecer".  

 Ao mesmo tempo, "o vindeiro día 28 terá lugar o xuízo derivado das sancións que a empresa lle impuxo ao traballador no marco desta compaña de acoso contra el. Dende a CIG anuncian que no caso de que a empresa non cese na súa actitude convocarán máis mobilizacións".

Ningún comentario:

Publicar un comentario