O concerto de Presumido pechou a programación musical do Nadal na vila
Tarci Ávila e Nacho Dafonte, que forman o dúo Presumido, en plena actuación
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado sábado día 4 de xaneiro a Praza do Reló acolleu o concerto do dúo Presumido, enmarcado na Programación de Nadal 2019/20 do Concello de A Guarda.
Presumido está a piques de comezar a súa xira de presentación de Cuatro Estaciones, seu segundo LP. Un show que cun rango de frecuencias emocionais moi amplo, no cal o pop, a electrónica, a escenografía e a innovación tecnolóxica, farán as delicias dos amantes da música coidada ao detalle.
O dúo Presumido é unha ponte entre o pasado, presente e futuro do electro pop, unha proposta formada por Tarci Ávila e Nacho Dafonte que busca explorar novos territorios musicais do pop en español na súa vertente máis electrónica.
As súas influencias son todas internacionais (James Blake, Foster The People, Taylor Swift, Bon Iver, Apparat...) salvo unha, Tino Casal, a quen admiran e reivindican como máximo expoñente español do pop electrónico.
Definitivamente, atoparon o seu estilo e o seu lugar na música, e así o demostraron na Praza do Reló da vila ante máis dun cento de persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario