7 de set. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

OS COMUNEIROS CAMPOSINOS CONVIDAN Á  PARTICIPAR NA “RECREACIÓN HISTÓRICA IDADE DE FERRO NA GALIZA”

O domingo día 22 de setembro, desde ás 15:30 horas, no “Parque de Chans” de Camposancos

Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que interaccionarán co público asistente


 José Manuel Malheiro Gutiérrez * / Camposancos

 Desde a Comunidade de Montes de Camposancos temos o gusto de informar sobre a actividade que se vai celebrar o vindeiro día 22 de setembro en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, no lugar denominado “Parque de Chans” de Camposancos.  

 A actividade consiste nunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre a Galiza e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa producción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio. Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que interaccionarán co público asistente.  



 A dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dous importantes poboamentos castrexos do noroeste peninsular.  




 A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha. A primeira parte terá lugar a partir das 15:30 horas ata as 17:00 horas, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquesta Pantasma co espectáculo “A Voar”, especialmente pensado para o público infantil. A segunda parte da recreación terá lugar a partir das 18:00 horas, onde intervirá ademais o teatro de títeres do Museo Municipal da Póvoa de Varzim.  

 Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán desfrutar participando en actividades de xogo libre con brinquedos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax. 

* Mestre e Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación (Pedagoxía) pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi director das Escolas Obradoiro de Terra de Montes (Forcarei, 1992-1995), A Xuventude II (Cambados, 1995-1998) e Restauración IV (Tui, 1998-2000). Traballou nas Universidades de Vigo (2001-2002) e Santiago de Compostela (2003-2008). Desde 2008 é profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña. Investiga sobre os procesos migratorios e as súas implicacións na escola; o contido dos manuais escolares; o emprego das imaxes fotográficas e o cinema como recursos no estudo da memoria escolar.

 Membro da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos 

Obras:   
· A Escola da Bandeira. Unha nova escola en Galicia (1909-1936), 2000.     
· Fomento de la Instrucción Gallega, 2002 (coord.).     
· A Herdanza da emigración ultramarina, 2004.     
· Os lalinenses en América. Proxectos educativos e organización escolar. 2005.     
· As escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos, 2006.     
· Nicolás Gutiérrez Campo. O recordo dun bo mestre, dun home bo, 2007.

A GUARDA

URXE A REPOSICIÓN DO PUNTO DE RECOLLIDA DE PILAS E BATERÍAS USADAS

Que había na rúa Manuel Álvarez


Multicontedor deseñado para á recollida conxunta de pilas, baterías, pequenos aparatos electrodomésticos, bombillas de baixo consumo e fluorescentes en centros comerciais.
Fonte: ecopilas

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Varias persoas dirixíronse verbalmente á membros da Redacción de Infogauda para expór seu malestar pola non reposición do punto de recollida de pilas e baterías usadas que durante varios anos estivo ubicado na beirarrúa da Rúa [Alcalde] Manuel Álvarez Vicente, na intersección coa Rúa A Coruña, en pleno centro da vila.

 Por motivos que descoñecemos, pero en todo caso, coincidentes no tempo, coa realización das obras do último tramo da Rúa Concepción Arenal, e decir o comprendido - nun dos extremos - entre as rúas Cóengo Juan Domínguez Fontela e a Praza de Avelino Vicente González, e a súa vez vez coa intersección das rúas Concepción Arenal e Galicia, onde remata a rúa Concepción Arenal, respectivamente; o punto de recollida de pilas desapareceu da súa ubicación primixencia e polo de agora non temos constancia de que fose reubicado noutro lugar. Precisamente por iso, e polo que varios veciños da vila nos comentaron que botan en falla ese punto de recollida. 

 Ainda que temos referencias concretas das "peripecias" que tivo que facer un veciño responsable co Medio Ambiente, para lograr entregar finalmente as pilas usadas no baixo da antiga Casa do Concello, onde foi atendido por unha das persoas que desempeñan súa labor na Oficina Municipal de Información Turística, pois alí - ao Concello - foi onde previamente lle habían indicado que debía dirixirse; entendemos que non é necesario entrar en máis pormenores que acrediten o que decimos.

 En todo caso, e logo do referido nos parágrafos precedentes, coidamos que por parte do Concello de Guarda, e máis concretamente pola Concellería de Medio Ambiente, debería facilitarse información pública dos lugares onde pódense entregar ás pilas e baterías usadas.
 
 Pola nosa parte, podemos indicar que a Plataforma de Xestión Ecopilas (www.ecopilas.es) non soio facilita a ubicación e denominación dos axentes económicos que participan no proceso de xestión, ou o que ven a ser o mesmo, os establecementos onde podemos depositar ás pilas usadas, senón que tamén informa das funcións principais dun Sistema Integrado de xestión de pilas e baterías usadas.

 Aos efectos oportunos, queremos salientar que Ecopilas é unha fundación xestionada por Reciclya.

 Por entender que pode ser de interese xeral, e dada á carencia de información pública ao respecto - alomenos a nós non nos consta -, queremos indicar que no termo municipal de A Guarda, segundo informa Ecopilas na súa páxina web, os establecementos onde podemos depositar ás pilas e baterías usadas son os seguintes:

 · Punto Limpo do Concello de A Guarda (Paseo de Portugal, s/nº - A Sangriña).
 · Punto Limpo Concello de A Guarda (Praza do Reló, s/nº)
 · Concello de A Guarda (Praza do Reló, nº 1)
 · Master F. Vicente (Rúa Concepción Arenal, 53 - baixo)
 · Eroski Center (Rúa Diego Antonio González, 49)
 · Lidl (Rúa José Mª Sesto, s/nº - As Cachadas)

OIA

O Pleno do Concello de Oia aproba o orzamento de 2019 cun incremento dun 13%  

E por un importe de 1.683.887,76 euros

Presidido pola alcaldesa Cristina Correa Pombal, o Pleno do Concello de Oia aprobou definitivamente o Orzamento Municipal para o ano 2019 
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 O Pleno do Concello de Oia aprobou definitivamente o pasado xoves o Orzamento Municipal para o ano 2019, cos votos a favor do Partido Popular e os votos en contra dos grupos da oposición (PsdeG-PSOE e BNG), por un importe de 1.683.887,76 euros, o que supón un incremento dun 13% respecto do orzamento prorrogado de 2017, que foi de 1.488.430,53€. 

 A alcaldesa Cristina Correa Pombal explicou que despois da aprobación inicial do Orzamento no primeiro Pleno ordinario celebrado o pasado 26 de xullo, se expuxo ao público durante 15 días hábiles e tras a presentación de alegacións presentadas polos membros integrantes dos grupos da oposición, a Secretaría-Intervención considerou que esas alegacións non procedían. Polo tanto, neste Pleno extraordinario se desestimaron e agora, tal e como recolle a Lei de Facendas Locais, se publicará no Boletín Oficial da Provincia para a súa entrada en vigor.  

 No orzamento do 2019 respecto do prorrogado de 2017, se incrementaron os gastos destinados a Servizos Sociais de Atención Primaria nun 67%, correspondente principalmente ao incremento de horas de axuda no fogar que permite atender no seu domicilio a cidadáns en situación de dependencia.  

 Por outra parte, neste Orzamento xa aparecen as novas consignacións anuais dos Contratos de Axuda no Fogar e de Limpeza de edificios públicos, que foron licitados este ano, así como o incremento de coste da recollida e tratamento de lixo, para atender a xestión dos voluminosos e do cartón.  

 Se contempla no Capítulo de inversión entre outros conceptos a aportación municipal ao IDAE (melloras en iluminación), Plan Marco (mellora de camiños), á Rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Loureza, á mellora do pavimento do pavillón e ó Paso de auga do Camiño de Xigente.  

 Mellora dos servizos de atención ao cidadán adaptándose ás novas tecnoloxías para facelos máis eficientes e ofrecer máis servizos en liña aos veciños, como é a aplicación Liña Verde (para comunicación de incidencias) ou a aplicación Tokapp, para manter informada á cidadanía, son tamén algunhas das previsions orzamentarias do Concello de Oia.