7 de set. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

OS COMUNEIROS CAMPOSINOS CONVIDAN Á  PARTICIPAR NA “RECREACIÓN HISTÓRICA IDADE DE FERRO NA GALIZA”

O domingo día 22 de setembro, desde ás 15:30 horas, no “Parque de Chans” de Camposancos

Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que interaccionarán co público asistente


 José Manuel Malheiro Gutiérrez * / Camposancos

 Desde a Comunidade de Montes de Camposancos temos o gusto de informar sobre a actividade que se vai celebrar o vindeiro día 22 de setembro en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, no lugar denominado “Parque de Chans” de Camposancos.  

 A actividade consiste nunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre a Galiza e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa producción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio. Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que interaccionarán co público asistente.  



 A dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dous importantes poboamentos castrexos do noroeste peninsular.  




 A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha. A primeira parte terá lugar a partir das 15:30 horas ata as 17:00 horas, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquesta Pantasma co espectáculo “A Voar”, especialmente pensado para o público infantil. A segunda parte da recreación terá lugar a partir das 18:00 horas, onde intervirá ademais o teatro de títeres do Museo Municipal da Póvoa de Varzim.  

 Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán desfrutar participando en actividades de xogo libre con brinquedos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax. 

* Mestre e Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación (Pedagoxía) pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi director das Escolas Obradoiro de Terra de Montes (Forcarei, 1992-1995), A Xuventude II (Cambados, 1995-1998) e Restauración IV (Tui, 1998-2000). Traballou nas Universidades de Vigo (2001-2002) e Santiago de Compostela (2003-2008). Desde 2008 é profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña. Investiga sobre os procesos migratorios e as súas implicacións na escola; o contido dos manuais escolares; o emprego das imaxes fotográficas e o cinema como recursos no estudo da memoria escolar.

 Membro da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos 

Obras:   
· A Escola da Bandeira. Unha nova escola en Galicia (1909-1936), 2000.     
· Fomento de la Instrucción Gallega, 2002 (coord.).     
· A Herdanza da emigración ultramarina, 2004.     
· Os lalinenses en América. Proxectos educativos e organización escolar. 2005.     
· As escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos, 2006.     
· Nicolás Gutiérrez Campo. O recordo dun bo mestre, dun home bo, 2007.

Ningún comentario:

Publicar un comentario