2 de maio de 2019

TURISMO

A XUNTA DE GALICIA COLABORARÁ COS CONCELLOS DE OIA E O ROSAL PARA MELLORAR INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS   

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que deste xeito recuperarase unha ruta de sendeirismo en Oia e sinalizarase o acceso aos muíños do Folón por estrada no Rosal, instalándose tamén audioguías  


 Vista parcial do conxunto etnográfico dos muíños do Folón (O Rosal)
Foto: Infogauda

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a colaboración da Consellería de Cultura e Turismo cos concellos de Oia e O Rosal, aos que aportará un total de 27.031 euros para a execución de proxectos de mellora de infraestruturas turísticas destes dous municipios.   

 A través desta liña de subvencións, segundo explicou o delegado territorial, o concello de Oia levará a cabo un proxecto de sinalización e recuperación do entorno da estatua do “Conde de Cabanelas”, cun investimento global de 23.452 euros dos cales 15.244 corresponderán a aportación da Xunta de Galicia.  

 O Rosal, pola súa banda, sinalizará o acceso aos muíños do Folón por estrada e instalará autoguías. Para este fin, porá en marcha un proxecto cun custo de 18.135 euros, dos cales, 11.788 procederán desta liña de axudas autonómica.    

 Cultura e Turismo destina así, un total de preto de 660.000 euros para 26 proxectos de outros tantos concellos na provincia de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural, dotando a este entorno das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible de acordo cun dos principais obxectivos de Turismo de Galicia que persegue o desenvolvemento do territorio segundo os principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade.

A GUARDA

CICLOTURISMO

O CLUB CICLISTA GUARDÉS ORGANIZA UNHA SAÍDA POR TERRAS DO MIÑO LUSO GALAICO

O domingo día 5 de maio, ás 9:00 h., desde á Alameda
 

TOMIÑO

O IES Antón Alonso Ríos celebra o seu 25º aniversario 

Cunha xornada de portas abertas e o soterramento dunha cápsula do tempo 

Outro dos actos previstos é a plantación dun magnolio coma símbolo de lembranza do profesorado e alumnado falecido

                                                  Alumnado acceso ao IES Antón Alonso Ríos
                                                                              Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 Este ano o IES Antón Alonso Ríos (antigo IES Tomiño) cumpre os seus primeiros 25 anos de existencia.Con este motivo, o vindeiro sábado 4 de maio, a comunidade educativa celebrará unha xornada de portas abertas, destinada a todos os veciños e veciñas da vila e de xeito especial, aos que forman ou formaron parte da institución durante todos estes anos.  


 Haberá actuacións musicais, exposicións fotográficas de actividades realizadas nestes 25 anos, visita guiada polo centro, mostras de traballos e actividades do alumnado, soterramento dunha cápsula do tempo, etc. Quen o desexe, poderá xantar no centro (tortilla, empanada, rosca e chocolate ou café) por só 3 €.  

 Margarita Sanz González, directora do centro comenta o intenso traballo desenvolvido por toda a comunidade educativa co fin de facer do sábado unha gran xornada festiva. Entre os actos previstos, destaca o soterramento dunha cápsula do tempo para ser aberta no 2044. Nela, meteranse traballos de clase, vídeos e cartas dos alumnas e alumnos dirixidas ás persoas que serán eles mesmos dentro de 25 anos. A directora, pola súa banda, escribirá unha misiva dirixida á persoa que desempeñe a súa función no ano 2044.  

 Outro dos actos máis emotivos será o de plantar, preto da zona do xardín chamada “O miradoiro das palabras” unha árbore (magnolio) adicado a todas as persoas do centro xa falecidas (profesores, alumnos/as e outro persoal), en accidentes de tráfico, por enfermidade, etc.  

 A directiva do centro convida a toda a comunidade educativa do instituto a disfrutar da xornada de convivencia deste sábado, pero tamén a todas as persoas que dun xeito ou outro, pasaron ou traballaron no centro, e á cidadanía en xeral, interesada en coñecer o IES Antón Alonso Ríos por dentro.
Programa
11.30 h. Apertura de portas
12.00 h. Benvida aos visitantes e intervencións:
  • Margarita Sanz (directora do IES)
  • Elisabet de Santiago (representante da primeira promoción de estudantes)
  • Carlos Villanueva (representante do profesorado)
  • Carlos Antuña (inspector de Educación)
  • Sandra González (alcaldesa de Tomiño)
  • César Pérez Ares (xefe territorial de Educación)
12.30 h. Actuación da Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio.
13.15 h. Descubrimento da placa homenaxe aos membros da comunidade educativa que nos deixaron.
14.00 h. Xantar.
16.00 h. Treboada Virxe do Alivio ás 16.30 h. Visitas guiadas polo centro e mostra de actividades (exhibición de robótica, experimentos científicos, baile…).
18.00 h. Presentación e soterramento dunha cápsula do tempo.
19.00 h. Actuación do grupo “De outra margem”, acompañado por alumnado do centro.
Durante todo o día:
  • Exposicións fotográficas: 25 anos do IES Antón Alonso Ríos.
  • Proxección de vídeos no Salón de Actos.
  • Stand do Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
  • Realización dun graffiti polo alumnado de 4º ESO.

TOMIÑO

A mocidade tomiñesa premia a organización de cursos novidosos, coma o de escalada ou o de adestramento canino 

Tanto en iniciación á escalada, coma en adestramento canino, enchéronse as prazas dispoñibles. O día 8 comeza un novo curso de Ruso, neste caso, de nivel 2  


Infogauda / Tomiño

 Os cursos de escalada e de adestramento canino organizados polo Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), superou todas as previsións de matrícula, amosando o interese que espertan na mocidade e infancia tomiñesa as propostas novidosas e diferentes.  

 No caso do curso de escalada, foron vinte as persoas que lograron realizalo, ocupando o total de prazas dispoñibles, aínda que houbo máis interesados. A Serra D’Arga, en Portugal, nun entorno natural de gran beleza, foi o lugar escollido para desenvolver a actividade, o pasado sábado entre as 12 e ás 21 horas. Un formador técnico e tres monitores de escalada foron os encargados de impartir a formación para iniciarse na escalada en rocha, entregando material de protección, cordas, pés de gato e seguro individual.  

 Pola súa banda, o curso de adestramento canino, obtivo tamén grande éxito de participación, superándose o número de prazas dispoñibles. O alumnado aprenderá (comeza mañá, 3 de maio) os principios relacionados coa educación de cans e cadelas, dende as primeiras etapas, e as bases para un correcto adestramento, adquirindo tamén coñecementos fundamentais para enfrontar os problemas de conduta e comportamento; pautas sobre alimentación e coidados sanitarios. Este curso, de 30 horas de duración (20 teóricas e 10 prácticas), continuará impartíndose os días venres e sábados até o 1 de xuño, na Escola Obradoiro de Goián.  

 Outro dos cursos que dará comezo en breve (o 8 de maio) é o de Ruso II, de 22 horas de duración, nas que os participantes seguirán adquirindo coñecementos sobre a fonética, vocabulario e regras gramaticais ata poder levar adiante conversas básicas. O alumnado recibirá asemade información dobre tradicións, literatura, música, cine, cociña, etc. da man dunha profesora nativa de Siberia e licenciada pola Universidade Estatal de Moscú, coma docente para estranxeiros.  

 A concelleira de Mocidade, Patrimonio e Turismo, Fátima Rodríguez, amósase satisfeita co nivel de participación acadado, explicando que a programación responde á suxestións da propia cidadanía e non a un programa pechado deseñado dende o Concello.  

 Para máis información, pódese consultar a páxina web do Concello, pasar pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) Bº da Rocha, s/nº, ou ben, chamar por teléfono ao número 986 622 001.

GONDOMAR

O ALUMNADO DO IES TERRA DE TURONIO ACHEGA A COMPOSTAXE Á VECIÑANZA DE GONDOMAR DA MAN DO PLAN REVITALIZA  

Rapaces e rapazas instalaron unha carpa na que repartiron compost, imáns deseñados por eles e material informativo sobre como compostar 


A intención desta actividade na que participou o alumnado é promocionar o proxecto que están levando a cabo para divulgar o proceso de compostaxe
Foto: D.PO.
 
Infogauda / Gondomar

 Os rapaces e rapazas de cuarto da ESO do IES Terra de Turonio están a traballar para achegar a compostaxe á veciñanza de Gondomar da man do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Nesta semana realizaron unha feira relacionada coas diferentes materias do instituto e un dos postos estaba destinado a informar a todas as persoas que por alí pasaban, entre elas, compañeiras do IES, pais e nais, profesores e público en xeral, sobre o que hai que facer para compostar o lixo orgánico: os restos de comida e vexetais.  

 A intención desta actividade na que participou o alumnado é promocionar o proxecto que están levando a cabo para divulgar o proceso de compostaxe, xa que no concello existen centros de compostaxe comunitaria para que a veciñanza leve os seus residuos orgánicos, onde baixo a supervisión das mestras e mestres composteiros da Deputación se está a producir compost.  

 O estudantado realizou entre as persoas interesadas un xogo sobre o que se pode botar no composteiro, o que non se pode botar, e o que se pode pero con precaución. Os que acertaban levaban un imán feito polas rapazas e rapaces. A todos os que participaban regalábaselle diferente material: trípticos (feitos por eles), un manual de compostaxe, ou unha mostra de compost, entre outras cousas.  

 Tamén houbo unha entrevista para a radio do centro, onde a mestra composteira da Deputación asignada aos centros de compostaxe de Gondomar e dous alumnos máis explicaron todo o proceso de compostaxe e a necesidade de implicación da veciñanza para reducir os residuos que se levan a queimar a Sogama.

PONTEVEDRA

CULTURA

O Museo de Pontevedra reúne a obra inédita que Carlos Maside pintara en Combarro durante o ano 1952  

"Maside en Combarro" permitirá ver no Sexto Edificio máis de 100 obras, mentres que o catálogo da mostra reunirá un total 312 obras

De esq. a der.: Xosé Leal, deputado provincial de Cultura, con José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e Rafael Vallejo, comisario da mostra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 "Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas" reúne no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra máis de 100 obras inéditas que o pintor creara durante a súa estancia nesta vila mariñeira durante o ano 1952, mentres que o catálogo da mostra inclúe un total de 312 obras entre bosquexos, debuxos a lapis e a tinta, acuarelas e óleos. "Estamos ante unha exposición moi orixinal que posiblemente a Carlos Maside lle gustaría ver montada porque el en vida só expuxo unha, que foi a obra titulada Peixeira", asegurou esta mañá un dos comisarios, Rafael Vallejo, na presentación da mostra. O comisario estivo acompañado polo director do Museo, José Manuel Rey, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, coincidindo ambos en salientar que esta proposta expositiva incide no vínculo do Museo de Pontevedra coa posta en valor do patrimonio cultural da súa contorna máis próxima. "Entronca cunha das principais misións deste Museo que é a posta en valor das diferentes miradas sobre o patrimonio cultural da provincia" asegurou o director, quen engadiu que "nesta exposición temos unha oportunidade magnifica para achegarnos ao patrimonio, ás xentes e á forma de vida de Combarro a través da mirada lúcida de Carlos Maside".  

 A mostra, que será inaugurada mañá, ás 20 h, permitirá ver exposta por primeira vez unha gran representación dos traballos que Carlos Maside creou durante a súa estancia en Combarro entre os meses de agosto e outubro de 1952. "A partires desta exposición e do catálogo que a acompaña, esperamos que haxa novas achegas á obra e á traxectoria de Carlos Maside" indicou Xosé Leal. O deputado provincial asegurou que "nesta exposición espero que se sintan identificadas as mariscadoras, os mariñeiros, e toda a Galicia daquela época e que sirva para achegar esta obra a novos públicos, e que persoas que habitualmente non se achegan ao Museo entren aquí por primeira vez, sexan de Combarro ou non".  

 A principal característica da mostra é o motivo artístico escollido por Carlos Maside para traballar durante estes meses e que o comisario resumiu en "a Galiza modesta, das penurias e da emigración, e que transcende a Combarro". Así, Maside utiliza como materia artística as persoas do común e reflicte o seu día a día na vila, nomeadamente os seus traballos, como son o marisqueo e os traballos do mar. Céntrase tamén nos retratos das persoas humildes, que na exposición aparecen reunidas nunha mesma sala e baixo catro epígrafes que os separan en retratos de nenas, de nenos, de homes e de mulleres. Precisamente no apartado dedicado aos retratos de mulleres inclúese o óleo Peixeira, a única obra da serie que Maside vira exposta. "Son retratos de xente moi modesta, o reflexo dunha sociedade á que o pintor lle quixo dar permanencia no tempo" explicou Rafael Vallejo.  

 Rafael Vallejo, que xunto a María Esther Rodríguez, se encargou de comisariar e dirixir a mostra, indicou que, no seu caso particular, leva desde o ano 1.997 buscando, localizando e catalogando a obra que Carlos Maside pintara e debuxara na súa estancia en Combarro. Explicou que das 312 obras reunidas e localizadas, 277 proceden da colección dun dos sobriños do pintor, Xulio Maside, 3 da colección doutra sobriña, María Maside, 20 do Museo Carlos Maside, un número menor de varias coleccións particulares, e do álbum de Galaxia publicado no ano 1959 50 debuxos de Maside, 17 corresponden coa etapa de Combarro. Por técnicas, 103 obras corresponden con pintura –acuarela e óleo–, e 209 con debuxos. Vallejo tamén fixo especial fincapé no carácter didáctico da mostra asegurando que "estamos ante unha exposición na que se pode seguir todo o proceso de creación, a técnica de elaboración da obra, e nunha cidade coma Pontevedra que ten unha facultade de Belas Artes que pode resultar moi interesante para o seu estudo".  

 Sábese que Maside chegou a Combarro a través de Valentín Paz Andrade e que na vila mariñeira "estivo traballando nunha febre creadora" en palabras de Rafael Vallejo. Maside levantábase co son das buguinas que anunciaban a chegada dos barcos ao peirao da Rúa –entre as seis e as sete da mañá–, ambiente portuario que documentou en bosquexos, acuarelas e debuxos. Tamén se centrou noutros lugares considerados espazos comúns da vila e de reunión popular naquela época, como son as fontes, as rúas e os portais das casas. Especial transcendencia teñen os modos de vida femininos neste conxunto de obras, e a muller aparece tanto como modelo individual, en retratos, como en ambientes colectivos, reunidas ao redor da fonte ou no portal da casa, ou nos distintos traballos diarios, co balde de auga, coidando das crianzas, mariscando, ou coa cesta do peixe na cabeza. Na súa obra tamén aparecen documentadas as paisaxes mariñeiras e dos arredores, a arquitectura e o patrimonio da vila, a vida das crianzas, ou as tabernas e o ambiente mariñeiro daquela época.  

DEPORTES

O auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa acolle este venres a VII Gala do Deporte Feminino Galego  

Preto dunha vintena de mulleres deportistas e entidades vinculadas a este ámbito serán galardoadas no evento que organizan e impulsan a Deputación de Pontevedra e Mudegá


Infogauda / Vilagarcía de Arousa

  O auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa vestirase de gala este venres para acoller o acto de entrega dos VII Premios do Deporte Feminino Galego, correspondentes ao ano 2018, no que preto dunha vintena de mulleres deportistas e entidades vinculadas a este ámbito serán galardoadas. A gala, que comezará ás 20 horas, e a que asistirá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, está organizada pola institución provincial e impulsada pola asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) co obxectivo de darlle máis visibilidade aos éxitos que colleita o deporte feminino para que sexan recoñecidos pola sociedade.  

 Ata quince categorías premiarán distintos aspectos deportivos. O primeiro recoñece a Ana Peleteiro como "Mellor deportista feminina". A atleta ribeirense deu o salto a nivel internacional no 2018 logrando a medalla de bronce no Mundial de Pista Cuberta de Birmingham e o bronce no Europeo ao aire libre de Berlín. O premio a "Mellor deportista feminina promesa" entregarase ás xogadoras de fútbol Tere Abilleira e Malena Mieres que foron campioas de Europa sub 19. O "Premio á traxectoria" irá para Nieves Gamallo, todo un referente do balonmán feminino galego, no que foi xogadora, adestradora, delegada e fundadora dun club. Na categoría de "Mellor deportista feminina con diversidade funcional" a galardoada é Susana Rodríguez Gacio tras coroarse como campioa do Mundo de paratríatlon en Gold Coast e subcampioa de Europa.

ATLÉTICO GUARDÉS, MELLOR REQUIPO FEMININO

 O premiado como "Mellor equipo feminino" é o Atlético Guardés despois de que acadasen o título da liga na máxima categoría do balonmán feminino español en 2017 e, ao ano seguinte, quedou como segundo clasificado. Mentres, o galardón a "Mellor club" recollerao o Cidade de Lugo Fluvial polos seus éxitos acadados no 2018: Campioas da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon, campioas de España de Dúatlon por clubs, campioas da Copa do Rei de tríatlon e sextas no Campionato de Europa de Tríatlon por clubs. 

 A galardoada como "Mellor adestradora do deporte feminino" é Carla Abad, técnica de Balonmán Cañiza e seleccionadora galega infantil feminina, coa que acadou a medalla de bronce no campionato de España 2018. Zulema González, galega de Ourense e árbitra da primeira categoría de fútbol feminino, convértese na "Mellor árbitra". Tamén a directiva do Burela FS terá o recoñecemento de "Mellor directiva" por facer historia ao asinar o primeiro convenio colectivo de fútbol sala feminino. Ademais, o premio a "Medio de comunicación amigo do deporte feminino" é dobre, ao concederse ao Faro de Vigo e ao Diario de Pontevedra.  

 O premio para a "Entidade privada máis colaboradora co deporte feminino" é para Rodosa, unha empresa que patrocina tanto a deportistas como a clubs femininos e eventos deportivos. O de "Institución pública amiga do deporte feminino" foi para a Deputación de Pontevedra, pola promoción da igualdade no deporte. En "Mellor iniciativa a prol do deporte feminino" o premio recaeu na Escola de Fútbol Feminino Rosalía (Ourense), fundada en 2018 para dar saída a todas esas nenas que queren xogar ao fútbol e non atopaban acomodo noutros clubs.  

 No transcurso da gala, tamén se entregará unha mención especial á esgrimista Judith Rodríguez, que o pasado ano, volvendo da disputa dun campionato, sufriu un grave accidente de tráfico, do que se está a recuperar. Ademais, a título póstumo, o deporte feminino galego homenaxeará a Manuel González Soto, ex presidente do Chapela de balonmán, pola súa aposta polo balonmán feminino, e a Micalea Sinde, que levou a bandeira galega ata o Polo Norte e apostou polo deporte na loita contra a enfermidade.

PORTAS

Alfonso Rueda afirma que Ricardo Martínez é “o alcalde axeitado para facer que Portas continúe avanzando” 
  
• O presidente provincial, que estivo acompañado por Ana Pastor, destaca a súa cercanía aos veciños, capacidade de xestión eficaz e ilusión e gañas de traballar polo seu concello 

• O candidato presentou a lista de 15 persoas coas que concorrerá ás eleccións municipais do vindeiro día 26 

Infogauda / Portas

 O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, considera que Ricardo Martínez Chantada é “o alcalde axeitado para facer que Portas continúe crecendo e avanzando”. Neste sentido, destacou a labor que leva desenvolvida estes anos como concelleiro na actual corporación local, ademáis do seu carácter dialogante, a súa capacidade de xestión eficaz, a cercanía aos veciños e a intención de manter unha boa interlocución co resto das administracións para sacar adiante os proxectos necesarios na localidade.  

 No acto de presentación da lista que acompañará a Ricardo Martínez na súa candidatura á Alcaldía de Portas nas eleccións municipais do 26 de maio, no que tamén estivo Ana Pastor, Rueda incidiu na “valentía” e o carácter que demostra Martínez Chantada por dar o paso de ser cabeza de cartel coa intención de traballar por tentar mellorar a vida dos seus veciños. O fará, dixo, con propostas concretas e cun programa ambicioso marcado por unha clara aposta polo emprego, a cultura, o medio ambiente e as políticas sociais.  

 Tras agradecer a labor realizada estes anos por Victor Estévez, o presidente provincial incidiu en que o Partido Popular “sae a gañar” os comicios do 26 de maio, nos que espera acadar un gran resultado, apelando a “remar todos na mesma dirección” para acadar gobernos fortes e estables. No caso de Portas destacou que o partido está mais unido que nunca e traballando con moita ilusión, cun equipo que combina experiencia con renovación e que está disposto a esforzarse o que faga falta para aportar solucións e ideas útiles para o concello.  

 Pola súa banda, Ricardo Martínez Chantada presentou ás 15 persoas que forman a lista coa que concorrerá ás eleccións locais, ás que definiu como “o mellor equipo posible” para facer que Portas ocupe o lugar que merece. Finalmente agradeceu ao PP a oportunidade de encabezar a candidatura “para tentar contribuir o desenvolvemento de Portas”.

LABORAL

O Ministerio de Traballo descualifica a Servicarne como cooperativa 

A CIG leva anos denunciando que é un instrumento da patronal cárnica para contratar man de obra barata


A CIG leva anos denunciando que Servicarne é unha falsa cooperativa que a patronal do sector cárnico utiliza como instrumento para contratar man de obra barata
Foto: CIG 

Infogauda / Galiza

 O Ministerio de Traballo vén de comunicar a descualificación de Servicarne como cooperativa, decisión que significa a perda administrativa desta cualificación e que podería supoñer, unha vez esgotados os recursos, a súa disolución e a apertura do proceso de liquidación. A CIG leva anos denunciando que Servicarne é unha falsa cooperativa que a patronal do sector cárnico utiliza como instrumento para contratar man de obra barata sen cumprir os convenios colectivos nin o Estatuto dos Traballadores/as.  

 A resolución, asinada pola directora xeral de Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas, chega tras as alegacións presentadas por Servicarne contra o expediente sancionador aberto por presunta infracción administrativa e pon fin a esta vía, polo que a partir de agora a falsa cooperativa unicamente poderá presentar recurso contencioso administrativo.  

 Entre os argumentos que xustifican a decisión salienta o feito de que Servicarne non conta con organización produtiva propia e que, a pesar das aparencias, a estrutura organizativa e empresarial apenas existe e as ordes proveñen da empresa principal. Tamén se pon de manifesto que se ben hai un número importante de “socios/as traballadores/as”, o título é puramente nominal, ao non gozar de autonomía algunha.

 Ademais, sinálase que as condicións de traballo dos socios/as resultan inferiores aos dos traballadores/as que prestan servizos nas empresas clientes, así como que a incorporación como socio/a traballador/a á cooperativa é unha condición obrigatoria para poder acceder ao emprego. Ao mesmo tempo, as baixas están condicionadas polas necesidades de man de obra e realízase un uso torticeiro e abusivo do período de proba de seis meses, como elemento de flexibilidade absoluta.  

 Outras das cuestións ás que se alude na resolución teñen que ver con que nas asembleas non participan nin o 2% dos socios/as, que non reciben persoalmente a convocatoria, e nunca se reúnen no centro de traballo para elixir ou nomear representantes ou delegados/as para a asistencia a asembleas, nin para discutir sobre a súa orde do día. Neste senso, sinálase que o Consello Rector reúnese exclusivamente para xestión de recursos humanos (baixas de socios/as).  

 Por último, citan a falta de estrutura e funcionamento democrático e o feito de que Servicarne non corre risco empresarial algún como outros elementos que xustifican a súa descualificación como cooperativa.

  Ofensiva da CIG  A decisión do Ministerio de Traballo chega anos despois de que a CIG iniciase unha ofensiva de denuncias e mobilizacións para rematar con esta nova forma de explotación laboral que padece o persoal asociado a esta falsa cooperativa que traballa para as principais compañías cárnicas do país, como Coren (Ourense), Frigolouro (O Porriño), Novafrigsa (Lugo), Cogal (Pontevedra) ou Grupo Sada (Lugo).  

 A presión da central sindical obrigou a Inspección de Traballo a actuar, optando por recoñecer que os traballadores/as de Servicarne non era autónomos/as senón empregados/as por conta allea, e polo tanto teñen que figurar no réxime xeral da Seguridade Social. Neste tempo, a CIG tamén fixo fincapé na millonaria fraude á Seguridade Social que esta situación significaba.  

 A decisión da autoridade laboral beneficiou a centos de traballadores/as galegos/as e a milleiros no conxunto do Estado, xa que as empresas non tiveron máis remedio que dalos/as de alta no réxime xeral a aplicarlles as condicións laborais do resto do cadro de persoal. As compañías optaron nun primeiro momento por dalos/as de baixa de xeito unilateral e a continuación coaccionalos/as para que renunciasen aos seus dereitos e mantivesen a súa condición de falsos/as cooperativistas, pero finalmente tiveron que desistir de novo obrigadas polas denuncias da CIG.

O ROSAL

FORMACIÓN

DEU COMEZO O PROGRAMA RUMBO AO EMPREGO 
 

Fátima Rodríguez Marcos - a der. da imaxe -, de Talentea, coas alcaldesas do Rosal e de Oia, María del Carmen Alonso Alonso e Cristina Correa Pombal, respectivamente, e dúas alumnas do programa
Fotos: C.O.R.

 Vista parcial das persoas participantes no programa

Infogauda / O Rosal

 Deu comezo no Rosal o programa “Rumbo ao emprego”, un proxecto promovido polos Concellos de Oia e O Rosal dirixido a mellorar a inserción laboral de 20 persoas desempregadas. O proxecto comprende un curso - “Operario industrial polivalente” - de 120 horas de formación, con prácticas en empresas, orientación laboral e acompañamento individualizado para a busca de emprego. Realizaranse tamén catro píldoras informativas de dúas horas e media de duración cada unha, abertas ao público en xeral, relacionadas coa busca de emprego, subvencións, etc. 

 A formación está sendo impartida pola empresa Talentea RR.HH. e ten lugar no centros de formación ocupacional da Mata (O Rosal) e Pedornes (Oia).