2 de maio de 2019

PONTEVEDRA

CULTURA

O Museo de Pontevedra reúne a obra inédita que Carlos Maside pintara en Combarro durante o ano 1952  

"Maside en Combarro" permitirá ver no Sexto Edificio máis de 100 obras, mentres que o catálogo da mostra reunirá un total 312 obras

De esq. a der.: Xosé Leal, deputado provincial de Cultura, con José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e Rafael Vallejo, comisario da mostra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 "Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas" reúne no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra máis de 100 obras inéditas que o pintor creara durante a súa estancia nesta vila mariñeira durante o ano 1952, mentres que o catálogo da mostra inclúe un total de 312 obras entre bosquexos, debuxos a lapis e a tinta, acuarelas e óleos. "Estamos ante unha exposición moi orixinal que posiblemente a Carlos Maside lle gustaría ver montada porque el en vida só expuxo unha, que foi a obra titulada Peixeira", asegurou esta mañá un dos comisarios, Rafael Vallejo, na presentación da mostra. O comisario estivo acompañado polo director do Museo, José Manuel Rey, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, coincidindo ambos en salientar que esta proposta expositiva incide no vínculo do Museo de Pontevedra coa posta en valor do patrimonio cultural da súa contorna máis próxima. "Entronca cunha das principais misións deste Museo que é a posta en valor das diferentes miradas sobre o patrimonio cultural da provincia" asegurou o director, quen engadiu que "nesta exposición temos unha oportunidade magnifica para achegarnos ao patrimonio, ás xentes e á forma de vida de Combarro a través da mirada lúcida de Carlos Maside".  

 A mostra, que será inaugurada mañá, ás 20 h, permitirá ver exposta por primeira vez unha gran representación dos traballos que Carlos Maside creou durante a súa estancia en Combarro entre os meses de agosto e outubro de 1952. "A partires desta exposición e do catálogo que a acompaña, esperamos que haxa novas achegas á obra e á traxectoria de Carlos Maside" indicou Xosé Leal. O deputado provincial asegurou que "nesta exposición espero que se sintan identificadas as mariscadoras, os mariñeiros, e toda a Galicia daquela época e que sirva para achegar esta obra a novos públicos, e que persoas que habitualmente non se achegan ao Museo entren aquí por primeira vez, sexan de Combarro ou non".  

 A principal característica da mostra é o motivo artístico escollido por Carlos Maside para traballar durante estes meses e que o comisario resumiu en "a Galiza modesta, das penurias e da emigración, e que transcende a Combarro". Así, Maside utiliza como materia artística as persoas do común e reflicte o seu día a día na vila, nomeadamente os seus traballos, como son o marisqueo e os traballos do mar. Céntrase tamén nos retratos das persoas humildes, que na exposición aparecen reunidas nunha mesma sala e baixo catro epígrafes que os separan en retratos de nenas, de nenos, de homes e de mulleres. Precisamente no apartado dedicado aos retratos de mulleres inclúese o óleo Peixeira, a única obra da serie que Maside vira exposta. "Son retratos de xente moi modesta, o reflexo dunha sociedade á que o pintor lle quixo dar permanencia no tempo" explicou Rafael Vallejo.  

 Rafael Vallejo, que xunto a María Esther Rodríguez, se encargou de comisariar e dirixir a mostra, indicou que, no seu caso particular, leva desde o ano 1.997 buscando, localizando e catalogando a obra que Carlos Maside pintara e debuxara na súa estancia en Combarro. Explicou que das 312 obras reunidas e localizadas, 277 proceden da colección dun dos sobriños do pintor, Xulio Maside, 3 da colección doutra sobriña, María Maside, 20 do Museo Carlos Maside, un número menor de varias coleccións particulares, e do álbum de Galaxia publicado no ano 1959 50 debuxos de Maside, 17 corresponden coa etapa de Combarro. Por técnicas, 103 obras corresponden con pintura –acuarela e óleo–, e 209 con debuxos. Vallejo tamén fixo especial fincapé no carácter didáctico da mostra asegurando que "estamos ante unha exposición na que se pode seguir todo o proceso de creación, a técnica de elaboración da obra, e nunha cidade coma Pontevedra que ten unha facultade de Belas Artes que pode resultar moi interesante para o seu estudo".  

 Sábese que Maside chegou a Combarro a través de Valentín Paz Andrade e que na vila mariñeira "estivo traballando nunha febre creadora" en palabras de Rafael Vallejo. Maside levantábase co son das buguinas que anunciaban a chegada dos barcos ao peirao da Rúa –entre as seis e as sete da mañá–, ambiente portuario que documentou en bosquexos, acuarelas e debuxos. Tamén se centrou noutros lugares considerados espazos comúns da vila e de reunión popular naquela época, como son as fontes, as rúas e os portais das casas. Especial transcendencia teñen os modos de vida femininos neste conxunto de obras, e a muller aparece tanto como modelo individual, en retratos, como en ambientes colectivos, reunidas ao redor da fonte ou no portal da casa, ou nos distintos traballos diarios, co balde de auga, coidando das crianzas, mariscando, ou coa cesta do peixe na cabeza. Na súa obra tamén aparecen documentadas as paisaxes mariñeiras e dos arredores, a arquitectura e o patrimonio da vila, a vida das crianzas, ou as tabernas e o ambiente mariñeiro daquela época.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario