30 de dec. de 2019

A GUARDA

Presumido ofrecerá un concerto de música
electro pop

O sábado día 4 de xaneiro de 2020, ás 20:00 horas, na Praza do Reló


Presumido está formado por Tarci Ávila - a esq.  - e Nacho Dafonte 

Infogauda / A Guarda 

 Enmarcado na Programación de Nadal 2019/20 do Concello de A Guarda, o vindeiro sábado día 4 de xaneiro de 2020, ás 20:00 horas, a Praza do Reló acollerá o concerto do grupo Presumido. 

 Formado por Tarci Ávila (voz, letrista, guitarras, baixos, sintetizarores e cacharros varios), do O Barco de Valdeorras, e Nacho Dafonte (encárgase da sección rítmica - batería electrónica, caixa de ritmo - e tamén de sintetizadores e outros aparellos), de Vigo, Presumido é unha ponte entre o pasado, o presente e o futuro da música pop electrónica. Un proxecto - con cuartel xeral nunha vella casa en Fozara (Ponteareas) - "sólido como as toradas de carballo e de castiñeiro", que busca explorar novos territorios musicais do pop en español na súa vertente máis electrónica.  

 As súas influencias son todas internacionais (James Blake, Foster The People, Taylor Swift, Bon Iver, Apparat,...) salvo unha, Tino Casal, a quen admiran e reivindican como máximo expoñente español do pop electrónico.

 Logo do éxito de Vendetta, seu primeiro longa duración, que saiu o 20 de xaneiro de 2017; Presumido está a piques de comezar a súa xira de presentación de Cuatro Estaciones, seu segundo LP. Un show que cun rango de frecuencias emocionais moi amplo, no cal o pop, a electrónica, a escenografía e a innovación tecnolóxica, farán as delicias dos amantes da música coidada ao detalle. 

 Definitivamente, atoparon o seu estilo - que eles denominan synth pop 2.0 - e o seu lugar na música do século XXI.

 En caso de choiva o concerto realizarase no Centro Cultural con entrada libre ata completar o aforo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario