“XIX SEMINARIO CIMADEVILA COVELO DE ESTUDOS XACOBEOS”: “A RESTAURACIÓN DO PÓRTICO DA GLORIA” E “AS PEREGRINAXES CON PERSOAS DE MOVILIDAD REDUCIDA”
A
Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu a celebración do acto organizado
en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de
Madrid
De esq. a der.: Ramón Jiménez, Jacques Chauty, Ana Laborde e Jorge Martínez
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid organizou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o “Seminario Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos”, que este ano celebra a décimo novena edición. O seminario creouse en 2001 como homenaxe ao ilustre galego do que tomou o nome, José Antonio Cimadevila Covelo, que presidiu o Centro Galego de Madrid e tamén a Asociación desde 1987 data da súa fundación.
A Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid naceu para ser en Madrid lugar de reflexión sobre o Camiño e a diversa realidade creada polo fenómeno da Peregrinación e está aberta a cuantos ámbitos de coñecemento poidan axudar no estudo do Camiño e a peregrinación a Compostela, entre outros os da historia, a arte, a xeografía, a filosofía, a lexislación, a enxeñería ou a socioloxía.
Nesta XIX edición o Seminario tratou dous interesantes temas:
“A RESTAURACIÓN DO PÓRTICO DA GLORIA DA CATEDRAL DE SANTIAGO” pola directora de restauración do Pórtico da Gloria, Ana Laborde Marqueze (19:00 horas). E “AS PEREGRINAXES CON PERSOAS DE MOVILIDADE REDUCIDA” a cargo do presidente da Asociación Compostelle 2000 (París), Jacques Chauty, (20:00 horas).
Ramón Jiménez na presentación do Seminario
O coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, en nome do delegado da Xunta, José Ramón Ónega, pronunciou unhas palabras de benvida tanto aos intervenientes como a cantas persoas acudiron aos relatorios, e deu paso ao presidente da Asociación, Jorge Martínez-Cava, encargado de facer as presentacións dos relatores.
Ana Laborde Marqueze, a directora de restauración do Pórtico da Gloria, mostrando unha ampla proxección de imaxes para ilustrar a súa exposición falou sobre o proxecto de conservación e restauración do Pórtico que se desenvolveu durante dez anos, grazas ao Programa Catedral, que contou co mecenado da Fundación Barrié e a colaboración da Fundación Catedral e a Xunta de Galicia. “Hai un antes e un despois deste proxecto, para o Pórtico e para cuantos traballamos na súa restauración”, dixo, e destacou que foi algo moi importante porque ademais de contar con recursos tiveron tamén o tempo necesario para facelo ben, “algo que non sempre ocorre”.
Explicou que “o Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Cultura e Deporte dirixiu a intervención e coordinou a investigación científica, colaborando con numerosas empresas e institucións tanto do noso país como do estranxeiro.
E a primeira vez que se fixo un proxecto destas características no Pórtico, precedido de exhaustivos estudos interdisciplinares que permitiron coñecer en profundidade os diferentes tipos de pedra empregados na súa construción, así como as distintas decoracións polícromas que o adornaron ao longo dos séculos e as fases construtivas do monumento”.
Engadiu ademais que a restauración “posibilitou estabilizar os riscos de deterioración que lle afectaban e recuperar os valores materiais e inmateriais do conxunto”, obra cume do románico europeo.
Os traballos tiveron unha gran difusión e recoñecemento, obtendo diversos galardóns entre os que destaca o Premio Europeo de Patrimonio-Europa Nostra concedido por ser un “exemplo moi destacado de conservación e coidadosa recuperación de escultura en pedra policromada nunha obra de fundamental importancia na escultura románica”.
Relatorio de Jacques Chauty
Seguidamente, tras unha breve pausa, o presidente da Asociación Compostelle 2000 (París) Jacques Chauty falou das peregrinaxes nas persoas con mobilidade reducida (PMR), que é un dos obxectivos fundamentais da asociación que preside. “Unha peregrinación con persoas con discapacidade é unha auténtica aventura humana”, dixo, e fixo un repaso polas primeiras peregrinacións que levaron a cabo na asociación, tamén con imaxes para ilustrar cada unha, que adoita durar tres meses en períodos de 15 días durante seis anos, tres en Francia e tres en España. O custo anual adoita estar ao redor dos 25.000 euros.
A primeira realizárona entre xullo de 1999 e xullo de 2004 entre Puy-en-Velay e Santiago de Compostela de etapas anuais sen coñecemento previo do que se ían a atopar. Aínda que foi dura, coroárona con éxito. Precisan tendas de campaña grandes con camas adaptadas, camións para o seu transporte, cociñeiros co seu equipo. É un labor de todos e para montalo pois require unha dedicación intensa.
A segunda fixérona entre xullo de 2005 e xullo de 2010, de Vézelay a Santiago.
A terceira de xullo do 2011 a xullo de 2016, desde París a Santiago, con resultados similares.
“Ao longo destes anos fomos perfeccionando os vehículos nos que levar a estas persoas con severos problemas de mobilidade, así como a loxística que leva esta peregrinación tan especial”.
Cada ano realízase un sexto do percorrido, montando tres ou catro campamentos diferentes. Precisan catro grandes tendas con dezaseis camas cada unha. Unha delas serve de restaurante, con sete grandes mesas e corenta e cinco camas para os peregrinos de apoio e cinco camas para as PMR. Así como cinco Joëlettes (cadeiras adaptadas todo terreo).
O pasado ano 2018 a Asociación Compostelle 2000 recibiu o Premio Elías Valiña por este traballo, compartido coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid.
Ningún comentario:
Publicar un comentario