Os bombeiros/as de Vigo mobilízanse coincidindo co xuízo contra o decreto que lles impón “condicións de escravitude”
Concentráronse diante dos xulgados nos que se dirimía o contencioso administrativo presentado contra o Concello
Os bombeiros/as de Vigo, en folga indefinida dende o pasado 14 de agosto, mobilizáronse hoxe diante dos xulgados
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Os bombeiros/as de Vigo, en folga indefinida dende o pasado 14 de agosto, mobilizáronse hoxe diante dos xulgados coincidindo coa celebración do xuízo a raíz do contencioso administrativo presentado pola CIG contra a aprobación por parte do Concello dun decreto que lles impón horas extra e excesos de xornada.
Dende a representación da CIG no servizo de bombeiros/as do Concello de Vigo explicaron que a decisión de presentar o recurso chegou despois de que se pecharan as posibilidades dun acordo co Goberno local para a contratación de máis persoal, “xa que os responsábeis fían todo a unha OPE que aínda vai tardar moitos meses”.
Mentres, denuncian que os efectivos padecen unhas condicións laborais de “escravitude” que están a provocar numerosas baixas por problemas médicos e a imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar.
Consideran que se trata dun decreto ilegal e que ademais non foi negociado cos traballadores/as. “Está a provocar situacións como que haxa persoas que en oito días teñan que facer cinco gardas de 24 horas (chegando mesmo a facer 48 horas seguidas), o que supón 120 horas, cando a xornada ordinaria do persoal do Concello é de 37,5 horas semanais no inverno e de 35 no verán”.
Por iso entenden que se trata dun decreto que atenta contra a dignidade das persoas traballadoras e que conculca os seus dereitos fundamentais. “Semella que están a agardar a que un compañeiro/a rompa definitivamente ou a que algún sinistro se nos vaia das mans para tomar medidas”, sinalan.
Medidas que para eles/as pasarían pola contratación de máis persoa, xa que dos 24 bombeiros/as diarios cos que contaba o servizo en 2010 hoxe en día hai unicamente 20, “a pesar de que o número de habitantes da cidade medrou nese tempo”. Ademais, lembran que na actualidade dos 102 efectivos do cadro de persoal só están dispoñíbeis unicamente 50, “cos que hai que cubrir todas as quendas e as gardas”. E isto porque arredor do 30% dos efectivos se atopa de baixa, e o resto de vacacións. “En consecuencia, o persoal padece fatiga crónica e outros problemas físicos e mentais”.
Proceso xudicial
Segundo indican, durante a xuízo o avogado do Concello chegou a afirmar que a forma na que se implantou o decreto non foi axeitada, ao tempo que recoñeceu que a obriga de facer horas extra e exceso de xornada se debe á falta de persoal. “Con todo, dixo que o decreto non impón nada, senón que recolle un acordo plenario do ano 2010 mediante o que se pasaba de 24 a 20 efectivos diarios, pero esqueceu mencionar que cando eses mínimos non se poden cumprir é cando impoñen o decreto en febreiro deste ano”.
Polo tanto, entenden que como o avogado do Concello non pode defender o decreto actual basea a súa estratexia no acordo de 2010. “Pero deste xeito recoñece que levan moitos anos obrigándonos a facer horas extra e excesos de xornada por falta de persoal, situación que se agravou en febreiro coa imposición do decreto”.
Finalmente, anunciaron que a CIG está a agardar as resolucións da Inspección de Traballo a raíz das denuncias presentadas e que o seguintes paso será presentar unha denuncia laboral e a continuación unha penal por prevaricación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario