11 de set. de 2019

LABORAL

A CIG denuncia que a Xunta carece dunha política industrial para o país que free o esmorecemento da automoción 

Ante o anuncio da instalación dunha nova empresa en solo portugués e a caída da contratación no sector en Galiza 

  Infogauda / Vigo

 A federación de Industria da CIG de Vigo vén de denunciar a falta dunha política para o sector por parte da Xunta de Galiza que free o esmorecemento progresivo da automoción, tendo en conta que as principais compañías están a optar por instalarse en solo portugués. Dende a central sinalan que só no último ano a contratación na automoción caeu un 26,7%. 

 Dende a CIG-Industria lembran que dende o inicio da crise económica ningunha empresa da automoción se instalou en Galiza, “e as que quedan están a reducir o seu cadro de persoal e a precarizar as condicións laborais”. 

 Mentres, Portugal segue a incrementar a súa capacidade produtiva atraendo novas empresas do sector. Esta mesma semana anunciábase a chegada dunha nova compañía dedicada á fabricación de vehículos, polo que xa son cinco as instaladas en solo portugués nos últimos anos. Empresas de capital galego tamén están optar por investir no país veciño como consecuencia da política de captación de investimentos planificada polo Goberno portugués. 

 Dende a CIG ven con preocupación o desleixo da Xunta de Galiza á hora de aplicar políticas que permitan atraer empresas e a falta de planificación que padece o sector industrial, sen unha política propia que atende as necesidades e peculiaridades do país. “Por iso insistimos na necesidade de impulsar un plan galego para a industria da automoción, entre outras medidas que vimos reclamando, coma unha aposta clara pola formación e non por afondar na precarización laboral”. 

 Para isto é necesario un enfoque cara a produción de produtos de alto valor engadido fronte aos vehículos low cost, así como implementar unha tarifa eléctrica bonificada á que se poidan acoller á empresa, tendo en conta que Galiza unha das principais produtoras de enerxía do Estado. 

 Entenden que só deste xeito se poderá frear a constante perda emprego de crecente precarización, xa que non hai que esquecer que a contratación no sector da automoción caeu un 26,7% no último ano no noso país, sendo o sector que experimentou un maior descenso. 

 “A Xunta non pode seguir a xogar un papel irrelevante nunha industria estratéxica para Galiza, facendo unicamente de correa de transmisión das políticas que impón PSA Citroën, polo que se fai imprescindíbel unha planificación axeitada e unha política industrial que garanta a supervivencia dun sector cunha importante incidencia na economía galega e fundamental en comarcas como a de Vigo”, rematan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario