26 de set. de 2019

A GUARDA

O alcalde da Guarda entorpece o remate das obras da rúa Concepción Arenal  

Así o afirma o portavoz municipal do BNG, 1º tenente de alcalde e concelleiro delegado de Mobilidade e novo modelo urbano, Anxo Lois Baz Vicente

Quen a súa vez sinala: "Pretende impedir a súa conversión nunha rúa de preferencia peonil enchéndoa de vehículos"

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, 1º tenente de alcalde e concelleiro delegado de Mobilidade e novo modelo urbano


Infogauda / A Guarda

 Como xa o afirmara onte a noitiña, na asemblea informativa que tivo lugar no salón de actos do Centro Cultural da vila, diante dos veciños que completaron con creces o aforo dese local; o portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, 1º tenente de alcalde e concelleiro delegado de Mobilidade e novo modelo urbano, Anxo Lois Baz Vicente, informou mediante unha nota de prensa recibida na mañanciña de hoxe na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, que o propio alcalde está entorpecendo o remate da rúa Concepción Arenal.  

 Na devandita nota de prensa Anxo Lois Baz relembra que “despois de pasar por unhas obras que se prolongaron no tempo co goberno anterior, provocando a incomodidade da veciñanza e do comercio local, coa chegada ao goberno do BNG, asumindo entre outras a Área de Mobilidade, encargamos a sinalización definitiva e a colocación de bancos, papeleiras e xardineiras”.   

 Asemade, o portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda e 1º tenente de alcalde, engade que “días despois, o alcalde decide pola súa conta impedir o envío do material da Deputación para paralizar o remate da obra. E onte, a través dos medios de comunicación, a veciñanza entéirase que quere abrir a rúa ao tráfico sen restricións, provocando sorpresa, incerteza e inseguridade viaria e peonil”.    

 Como concelleiro-delegado de Mobilidade, Anxo Lois Baz non dubida en afirmar: “Imos levar adiante converter Concepción Arenal nunha rúa de preferencia peonil, tal como está concebida no Plan de Mobilidade. Chegamos ao goberno para iniciar un proceso de transformación absolutamente necesario, coa idea de aumentar o atractivo da vila, cun espazo público moito máis humano e amigábel coa persoa que anda a pé e que permita unha maior vitalidade comercial”.    

 Finalmente, o portavoz municipal do BNG indicou: “Debemos lembrar que sendo Santa Tegra un dos atractivos turísticos máis visitados de Galiza, so o 1% das persoas visitantes entran na Guarda. Até o día de hoxe, os distintos gobernos que pasaron pola vila, foron incapaces de rendabilizar unha auténtica galiña de ovos de ouro. Agora temos a posibilidade de nos dotar dun espazo público para as persoas, atractivo, que revitalice o noso concello e potencie o comercio e a hostalaría guardesa. A veciñanza non quere un modelo baseado en vehículos invadindo as rúas, dando voltas e máis voltas para aparcar, xa o tivemos e resultou un fracaso”.       

2 comentarios:

  1. Pois esta completamente equivocado,desde meu punto de vista,si he certo que a rua debe ser peonil,antes haberia que solucionar o acceso dos

    autobuses a o porto,eso si seria a galiña dos ovos de ouro,pero so antes de facela peonil a rua,de outra maneira a os visitantes si non os deixan

    no Porto no recorreran as ruas...

    Hay que viaxar mais e menos panfletos politicos DEMAGOGIA

    ResponderEliminar
  2. Pois a ver si vos poñedes de acordo, negociades e atopades unha solución intermedia, ainda que sexa provisional, ata a realización da saída sur.

    ResponderEliminar