O Rosal volve apostar por unha crianza acompañada dende o primeiro momento
• O Concello abre unha nova edición do programa Espazo Crianza, un servizo gratuíto de apoio para embarazadas e familias con bebés de ata seis meses
Infogauda / O Rosal
No Rosal criar non é un camiño solitario, especialmente neses primeiros meses dunha nova tan fermosa como chea de incertezas. Coa vontade de acompañar ás familias rosaleiras neste momento vital, o Concello pon en marcha unha nova edición do Espazo Crianza, un programa municipal de apoio á maternidade e paternidade dirixido a mulleres embarazadas e a familias con bebés de 0 a 6 meses.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou que esta iniciativa “ofrece un espazo de confianza no que compartir, aprender e sentirse acompañadas e acompañados nunha etapa chea de cambios. O Espazo Crianza axuda a vivir a chegada dun bebé dun xeito máis consciente e tranquilo, achegando información e ferramentas prácticas que reforzan a seguridade das familias”.
O programa, que cada ano conta cunha elevada participación, demostrou na súa última edición a súa utilidade e boa acollida, con máis de 25 embarazadas e 16 bebés inscritos. Dende o Concello anímase especialmente ás persoas que participan nas sesións de preparación ao parto a continuar no Espazo Crianza unha vez nace o bebé, un momento clave no que a volta á rutina e a adaptación á nova realidade familiar poden resultar especialmente complexas.
As sesións, que arrancarán no mes de febreiro, combinarán contidos teóricos e dinámicas prácticas adaptadas ás necesidades reais das persoas participantes. Por unha banda, desenvolverase un grupo de acompañamento durante a xestación, centrado na preparación para un parto consciente, nos cambios físicos e emocionais do embarazo e en técnicas e posturas que favorezan o benestar antes e despois do nacemento.
Doutra banda, as familias con bebés traballarán aspectos fundamentais dunha crianza respectuosa, abordando cuestións como os coidados básicos, os hábitos hixiénicos, a alimentación, a estimulación temperá e a comprensión das necesidades dos nenos e nenas nos seus primeiros meses de vida.
As citas celebraranse cada dúas semanas, previsiblemente nas seguintes datas: 4 e 18 de febreiro; 4 e 18 de marzo; 1, 15 e 29 de abril; 13 e 27 de maio; e 10 de xuño. Unha vez pechado o prazo de inscrición, o día e o horario concretaranse de maneira consensuada coas persoas participantes.
A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, puxo en valor o carácter comunitario do programa, sinalando que “o Espazo Crianza contribúe a crear rede entre familias, favorecendo o apoio mutuo e reducindo o sentimento de illamento que pode aparecer coa chegada dun bebé”. Ademais, subliñou que “contar con asesoramento profesional e cun espazo seguro para compartir experiencias resulta fundamental nesta etapa”.
As persoas interesadas poden atopar o formulario de inscrición na web municipal e entregalo por Rexistro ou envialo por correo electrónico a educacionfamiliar@orosal.gal. Para máis información, tamén está dispoñible o teléfono 986 62 50 00.
Ningún comentario:
Publicar un comentario