AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2019 TOMIÑO
O CAMIÑO DA NOSA SEÑORA DO NORTE. OLLANDO CARA A TEBRA
Xoves 29 de agosto ás 18:30H., xunto a Igrexa parroquial de Santa María, en Tebra
IEM / Tomiño
O xoves 29 de agosto terá lugar a última das Xeiras de verán 2019 do IEM coa colaboración do concello de Tomiño titulada Camiño da Nosa Señora do Norte. Ollando cara a Tebra.
Será guiada por Antonio Soliño Troncoso.
O percorrido estará acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos.
DATA: Xoves 29 de agosto.
LUGAR: Tomiño.
HORA: 18:30h
LONXITUDE: 3´80 km.
DURACIÓN: 3h.
PUNTO DE ENCONTRO: Igrexa parroquial de Santa María, en Tebra.
AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2019
TOMIÑO. O CAMIÑO DA NOSA SEÑORA DO NORTE.
OLLANDO CARA A TEBRA.
Guía ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO
Durante esta xeira, continuidade das que levamos realizando os últimos anos, veremos e comentaremos retallos dun notable patrimonio histórico, etnográfico e artístico. Falaremos de seculares formas de ordenación do territorio, trataremos arquitectura vernácula, lembraremos ritos e costumes creados para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural respecto do alén e transitaremos por belos espazos románicos ideados e construídos por mestres canteiros do século XII. Na distancia sempre a imaxe da renacentista Torre de Tebra, a cuxo fundador visitaremos na súa tumba. Todo durante as aproximadamente tres horas que nos levará percorrer os 3,80 quilómetros dun tramo de camiño afectado de mínima dificultade. O punto de encontro é a igrexa parroquial de Santa María, en Tebra. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérpretes de lingua de signos.
O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos-Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Caminha e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende cando menos 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Parte deste último tramo rodeado de campos de millo e viñas emparradas é o obxectivo desta xeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario