26 de xul. de 2019

PESCA

Administracións e sector piden a Bruxelas que recoñeza as "GT sociais" para mellorar a habitabilidade dos buques  

• A necesidade de que o novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) contemple, e permita financiar, a mellora da habitabilidade dos buques sen ter que sacrificar a capacidade pesqueira; a validación na nova normativa sobre titulacións que prepara a Secretaría Xeral de Pesca da experiencia de profesionais cunha longa traxectoria no mar para facilitar a promoción interna, e a petición dunha maior  flexibilización por parte da Administración para enrolar a tripulantes estranxeiros foron algunhas das demandas que se escoitaron nas VI Xornadas Internacionais de Pesca de  Orpagu. 

• Na sesión de traballo, o sector tamén se puxo deberes para garantir que haxa unha substitución xeracional. Entre eles, "facilitar á canteira de titulados o embarque para que poidan completar os días que necesitan para obter o título profesional".

O alcalde da Guarda - 5º pola esq. - cos relatores e moderadores

 Mar Bermúdez / A Guarda

 O recoñecemento por parte de Bruxelas da existencia de "GT sociais", que permitan mellorar a habitabilidade dos buques sen que para iso o armador deba sacrificar a capacidade pesqueira, foi a petición recorrente nas mesas redondas que tiveron lugar esta mañá no marco das Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes  Migradores organizadas por Orpagu. Pero non só os relatores e asistentes trataron este asunto, tamén a secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, encargada de inaugurar o simposio, e Mercedes Rodríguez, directora de Pesca da Xunta, referíronse nos seus discursos a estes GT (medida de arqueo bruto do barco) de obxectivo social.  

 Villauriz anunciou que de fronte ao próximo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, España conseguiu que o Consello da UE aceptase unha excepción ao aumento da capacidade individual do buque para mellorar as condicións laborais e de seguridade a bordo, sempre asegurando que non se incremente a capacidade global a nivel país. 

De esq. a der.: Gandarias, Mercedes Rodríguez, Juana Parada, Alicia Villauriz, Joaquín Cadilla e Antonio Lomba

 A secretaria xeral de Pesca destacou a importancia do compoñente humano na actividade pesqueira, primordial para que se produza a adecuada substitución xeracional que permita á pesca manter o seu papel  vertebrador das comunidades costeiras. Para iso, sinalou, resulta necesario seguir mellorando a seguridade no exercicio da pesca e as condicións de vida dos tripulantes dos buques

 E para lograr o cumprimento das novas esixencias en materia de seguridade a bordo e de habitabilidade, Villauriz considerou fundamental contar cos investimentos necesarios, no marco do futuro Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.  

 Pola súa banda, Mercedes Rodríguez, lembrou que nas propostas de Galicia de fronte ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) deféndese a incorporación de medidas “que axuden a facer dun barco un lugar máis acolledor e atractivo. É dicir barcos máis conectados, posibilitando o uso do internet e dunha comunicación diaria con terra e máis habitables, coas condicións laborais e de seguridade a bordo melloradas”. 

 Así mesmo, destacou a aposta do Goberno galego para facer máis atractiva a actividade da cadea mar-industria ás novas xeracións a través da Formación Profesional Dual. Con esta iniciativa, subliñou, a Xunta busca mellorar a formación enfocada ao sector pesqueiro, garantir a substitución xeracional e evitar a falta de tripulación”. Rodríguez cifrou en 1.570 os titulados que saíron nos últimos 10 anos dos centros de formación dependentes da Consellería do Mar. 

Titulacións náutico-pesqueiras 

 Na primeira mesa de traballo, moderada  por Sergio López, da  OPP7 Lugo, interviñeron Joaquín Vidal Fernández, da Secretaría xeral de Pesca, quen se referiu aos cambios que incorporou a nova normativa de titulacións  náutico-pesqueiras, cambios que, dixo, responden á demanda do sector debido, principalmente, á escaseza de capitáns e oficiais. Vidal Fernández manifestou que a modificación do Real Decreto no que traballa o Ministerio contribuirá á formación de titulados que poidan asumir funcións de capitáns ou oficiais.  

 A perspectiva de xénero achegouna Lidia González, patroa de pesca con experiencia en campañas no Atlántico Sur e Malvinas. A moza resaltou a dificultade que atopan os recentemente titulados para atopar embarques que lles capaciten para obter o título profesional e recoñeceu que as mulleres tituladas prefiren dirixirse cara á Mariña Mercante máis que á pesca, porque aínda que eu non tiven problema, neste sector aínda hai xente remisa a contratar a mulleres

 Pola súa banda, Juan José Escolar, capitán marítimo de Vigo, explicou os requisitos necesarios para o embarque de tripulantes  e lamentou que moitas veces a capitanía é vista como a mala da película cando simplemente velamos para que se cumpra a normativa

Medidas a adoptar ante a falta de tripulacións 

 Edelmiro Ulloa, de Anapa-Arpoan, encargouse de moderar esta segunda mesa redonda na que Rosa Alonso, directora provincial do Instituto Social da Mariña, falou das prestacións do  ISM á frota de longa distancia. Nesta sesión tamén participou Miguel Ángel Marcos, quen se referiu ao novo Seguro de Saúde a bordo para os tripulantes de Murimar, que inclúe garantías como o traslado do barco ata o servizo sanitario requirido, asistencia telefónica as 24 horas os 365 días do ano, tratamentos especiais e urxencias, entre outros. 

 Juan Manuel Trujillo, secretario de Pesca do Sector do Mar de CCOO, falou da inminente ratificación por parte de España do Convenio 188 da OIT sobre o sector pesqueiro, que incorporará a regulación de medidas como a remuneración dos pescadores, as horas de descanso e dotación, a atención médica ou as responsabilidades do propietario dun buque pesqueiro.   

Carencias da frota para mellorar as condicións de vida a bordo 

Vista xeral dos asistentes ás VI Xornadas Internacionais de Pesca de  Orpagu

 Aínda que a mesa redonda moderada por Francisco Teijeira, de  Opromar, foi a última da xornada, nela tratouse un dos temas que sobrevoou a maior parte de intervencións: a necesidade dun novo enfoque das axudas europeas para favorecer as mellores condicións de traballo a bordo.  

 Nesta liña, o arquitecto naval Javier Martín-Arroyo Borrajo, enumerou as tres condiciones que se deberían mellorar para facer máis confortable o lugar de traballo dos profesionais do mar: Dotar ás tripulacións de acceso a internet nos tempos de lecer, poñer en marcha medidas para reducir ruídos e vibracións e coidar a ergonomía dos buques. Para conseguir este novo deseño, recoñeceu que se necesitan GT's: Tal como están as cousas, estamos  capando os barcos de agora e do futuro por unha normativa que ninguén entende. Necesitamos GT's sociais porque estamos a construír os mesmos barcos que hai 30 anos

 Por último, tanto Ignacio Gandarias, director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, como Mercedes Rodríguez, da Consellería do Mar, mostraron unha total sintonía e coincidiron en que hai que convencer a Bruxelas de que apoie e subvencione este tipo de modificacións na habilitación dos buques sen que sexan consideradas como unha ampliación da capacidade de pesca o barco. Incrementar a capacidade do buque non significa aumentar a capacidade de pesca e iso é algo que Bruxelas non entende, asegurou  Gandarias.  

O novo Salón de Plenos do  Concello da Guarda acolleu a sesión  

 As VI Xornadas Internacionais de Pesca de Orpagu celebráronse na Casa dos Alonso, de A Guarda, concretamente no novo Salón de Plenos do Concello que, como lembrou o alcalde Antonio Lomba Baz, é a segunda vez que se utiliza tras o acto de investidura. 

 Lomba foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes e agradeceu aos armadores de Orpagu todas as iniciativas que levan a cabo na Guarda porque eles fannos cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario