16 de xuño de 2019

O ROSAL

Ánxela Fernández Callís, abre “un tempo novo” na súa toma de posesión como alcaldesa do Rosal  

“Desde xa imos ter a porta aberta ó diálogo, ó consenso e ás propostas, sempre”, Ánxela Fernández  


Ánxela Fernández Callís logo de ser investida alcaldesa do Concello do Rosal

Informa (fotografías e redacción): Alberte Alonso / O Rosal

 O pasado sábado tivo lugar a toma de posesión da nova Corporación Municipal rosaleira e elección da nova alcaldesa, a nacionalista Ánxela Fernández Callís. A nova rexedora rosaleira dirixiuse ós compañeiros de corporación e ó público asistente, manifestando que se “abría un tempo novo” no que estarían “abertos ó diálogo, ó consenso e ás propostas, sempre”.  

 Comezou a súa intervención apelando a responsabilidade que supón gobernar o concello do Rosal, e a humildade e ó respecto, pero tamén a ilusión e as ganas de traballar polo ben común.  

 “O pasado 26 de maio, a veciñanza do Rosal encomendounos a toda a corporación unha tarefa: traballar polo noso pobo. Estou convencida de que cada un de nós desde o lugar que nos ocupa polo mandato da veciñanza traballaremos polo ben dos rosaleiros e rosaleiras”, dixo.  

 Tamén felicitou a toda a veciñanza, pola alto nivel de participación no proceso electoral o pasado 26 de maio, que segundo palabras de Ánxela, “é sinónimo de saúde democrática”. Así mesmo agradeceu a confianza depositada pola veciñanza na súa persoa e no equipo que encabezou, “que fixo posible que hoxe estea aquí dirixíndome a todos e todas vós como Alcaldesa do Rosal”, resaltou.   

 Do mesmo xeito lembrouse de toda a veciñanza que “votou por outras opcións políticas e da que decidiu non ir a votar. Quero dicirlles que somos o goberno de todos e cada un dos rosaleiros sen excepción”, incidiu.   

 “A vida son momentos e a maioría da veciñanza do Rosal o pasado 26 de maio decidiu que era o momento de darnos a oportunidade de abrir un tempo novo que construiremos pouco a pouco entre todos e todas. Un futuro do que nos sintamos partícipes e orgullosos. Contamos con todos e todas vós, con todos os rosaleiros e rosaleiras. 

 Traballaremos man a man cun obxectivo común: mellorar a realidade do noso pobo”, afirmou.  




 Despois do acto institucional, e xa como alcaldesa, dirixiuse á veciñanza que se atopaba na praza do Calvario dende o balcón do Concello, para agradecer o apoio recibido.  

 Finalmente, e xa organizado polo BNG, mantiveron un convívio e xantar aberto a quen quixera participar na carballeira de San Miguel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario