O SOCIALISTA ANTONIO LOMBA BAZ, REELEXIDO ALCALDE DO CONCELLO DE A GUARDA
Presidirá un goberno bipartito formado por concelleiros do PSdeG-PSOE e BNG
Antonio Lomba Baz logo de receber o bastón de mando que entregoulle o concelleiro Celso J. Rodríguez Fariñas
Fotos: Infogauda
Ricardo
Rodríguez Vicente / A Guarda
No día de hoxe sábado día 15 de xuño de 2019 rematou
un periplo de catro anos de goberno municipal do PSdeG-PSOE, presidido por
Antonio Lomba Baz, con maioría minoritaria – tiña 7 concelleiras/os dun total
de 17 que ten a Corporación Municipal -; e hoxe mesmo, deu comezo unha nova
singradura. Nesta ocasión, a bordo da nave de goberno municipal irán
5 concelleiros do PSdeG-PSOE e 5 do BNG, que logo de varias xuntanzas de
negociación, onte venres concluiron o acordo de goberno bipartito que asinaron
na mañá de hoxe.
Cando eran ás 12:00 horas, a secretaria do
Concello de A Guarda abriu a sesión
extraordinaria para a constitución da nova Corporación Municipal e informou a
tódolos presentes, tanto do procedemento a seguer como dos asuntos da
convocatoria:
1.-
Constitución da Mesa de Idade.
2.-
Acreditación dos concelleiros electos e comprobación do quorum.
3.-
Toma de posesión dos concelleiros electos. Constitución da Corporación.
4.-
Elección do alcalde.
5.-
Toma de posesión do cargo de alcalde.
6.-
Arqueo e documentación xustificativa e dos inventarios.
De esq. a der.: Antonio Lomba Baz, Beatriz Lomba Rodríguez, Celso J. Rodríguez Fariñas e a secretaria da Corporación Municipal
A Mesa de Idade estivo constituída polos
concelleiros de maior e menor idade e pola secretaria da Corporación. Formaron
parte da devandita mesa Celso J. Rodríguez Fariñas, como concelleiro de maior
idade, e por Beatriz Lomba Rodríguez, como concelleira de menor idade, e pola
devandita secretaria.
A continuación Celso Rodríguez Fariñas, deu a
benvida a tódolos asistentes, e fixo unha lembranza “(...) da Corporación
Municipal que no ano 1979 comezou a etapa de maior duración do país, en termos
democráticos, que marcou a pauta dun novo proceso de convivencia cidadá, en
colaboración cos homes e mulleres que representaban a opinión da maioría dos
veciños nos últimos tempos (...)”.
Vista parcial dos veciños que encheron o salón de sesións, ubicado na planta baixa da Casa dos Alonso
O tempo que saudou públicamente a todos concelleiros e arredor duns 150 veciños, Celso R.
Fariñas dixo tamén que “(...) é un bo momento para inaugurar as novas
instalacións [referíndose a sala de sesións] do novo Concello (...)”.
Tamén informou que tódolos concelleiros
electos presentaron na secretaría do Concello súas correspondentes credenciais
expedidas pola Xunta Electoral de Zona, e que existe quorum ao estar presente a
totalidade dos concelleiros electos.
Trala oportuna indicación da secretaria, a
continuación tivo lugar a toma de posesión dos concelleiros, facéndoo en
primeiro lugar os membros da Mesa de Idade e logo por chamamento por orde alfabética
de apelido, os demáis concelleiros/as electos.
Celso R. Fariñas, de Converxencia Galega, acolleuse a
fórmula de: “Prometo cumplir, por imperativo legal a Constitución e respecto ao
Rei, e ao mesmo tempo seguir facendo esforzos e traballando por toda aquela
xente que máis cerca que tarde podamos proclamar a República Española”.
Pola súa banda, Beatriz Lomba Rodríguez, do
BNG, dixo: “Prometo, por imperativo legal, acatar a Constitución e comprométome a defender
os dereitos e intereses xerais da veciñanza da Guarda e do pobo galego”.
Como logo se vería, esa sería a fórmula que
pronunciarían tódolos concelleiros do BNG.
Os concelleiros do Partido Popular estaban a dereita da presidencia da sesión
A continuación correspondeulle o turno a Óscar
Alonso Álvarez, do PP, que dixo: “Xuro pola miña conciencia e honra, cumplir
con fidelidade as obrigas de concelleiro do Concello da Guarda, con lealdade ao
Rei, e gardar e facer gardar a Constitución, como norma fundamental do Estado”.
Esa fórmula de xuramento sería a que
pronunciarían seus compañeiros do PP.
Mª Elena Baz Rodríguez, do PSdeG-PSOE, optou
pola fórmula “prometo pola miña conciencia e honra, cumplir con fidelidade as
obrigas do cargo de concelleira do Concello da Guarda, con lealdade ao Rei e
gardar, e facer gardar, a Constitución como norma fundamental do Estado”.
Como logo se pudo escoitar, tamén sería o
xeito de asumir o cárrego os demais concelleiros do PSdeG-PSOE.
Os concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG estaban a esquerda da presidencia da sesión
Tralas promesas ou xuramentos – segundo o
criterio elexido por cada formación política -, Celso R. Fariñas, decrarou
constituída a nova Corporación Municipal, o que foi rubricado cunha ovación dos
veciños asistentes.
Seguidamente a secretaria informou que íase
proceder á elección de alcalde, informando do procedemento a seguer, e que
tódolos cabeza de lista eran candidatos para o devandito cárrego.
Seguindo a orde alfabética, interviu en
primeiro lugar Roberto José Álvarez Carrero, candidato do Partido Popular, que
dirixíndose a tódolos concelleiros “(...) para solicitar a vosa confianza e o
voso voto na miña candidatura (...)”.
Na súa intervención referiu que “(...) A
Guarda somos todos (...)”, referíndose os pensionistas que levan os netos ao
colexio, os mozos que traballan en Portugal, as persoas que quedan na casa
atendendo aos seus ancians, ..., para engadir que “(...) A Guarda construímola
todos, co noso traballo e coas nosas decisións (...)”.
Álvarez Carrero afirmou que “(...) fai tres
semanas o pobo guardés dixo de forma nítida que quería un cambio. Que non
estaba de acordo coa política que se estaba seguindo. Este cambio manifestouse nas
urnas, nos votos, que ao final é a vontade popular recollida en resultados.
A candidatura que encabezo, e que
evidentemente sosteño, tivo un aumento de votos e gañou as eleccions. Sen
discusións. De forma clara. Somos a forza máis votada e maioritaria, que
escolleron os guardeses. Pero tamén enviáronnos unha mensaxe: Que tíñamos que
pactar. Que tiñamos falar entre nós para acadar unha maioría suficiente de cara
a gobernanza (...)”.
O portavoz do Partido Popular engadiu que “(...)
o gran perdedor destas eleccions foi o PSOE, Antonio Lomba e o seu equipo. Sen
paliativos (...)”. “(...) O pobo da Guarda penalizou a súa forma de gobernar e
xestionar polos seus intereses políticos (...)”.
A renglón seguido, Roberto José Álvarez
Carrero relembrou “(...) as reunions cos diferentes grupos para tratar de
acadar un pacto de goberno ou de investidura. Os resultados xa se coñecen
(...)”, para engadir as diferentes propostas ofertadas e tratar de chegar a
“(...) unha nova forma de facer política (...)”. “Honestamente penso que máis
non se pudo ofrecer nin propoñer (...)”.
Álvarez Carrero afirmou tamén: “(...) O PSOE
na Guarda ten que asumir que perdeu neste caso ás eleccions. O pobo pediu un
cambio. Non debemos antepoñer o apego ao poder e que temos que facer é
autocrítica (...)”.
Referíndose ao BNG, Álvarez Carrero dixo:
“(...) Vostedes basearon súa campaña que seu proxecto suporía un cambio radical
para A Guarda. E máis, constatamos todos que efectivamente, que o pobo quería
un cambio. Ese cambio está refrendado nos resultados, tanto nos vosos como nos
nosos (...)”.
Deseguido fixo unha comparativa entre os
investimentos que fixo a Xunta de Galicia, cando o bipartito (PSdeG-PSOE e
BNG), relembrando que os investimentos neses catro anos non superaron os 300.000
euros, cousa que soio neste último ano, a
Xunta de Galicia investiu eiquí 500.000 euros.
“Pacten con nós! Pacten con nós! Temos que
facer o vial [VAP Tui-Goián], vamos xuntos a protestar Santiago. Non teño
problema ningún. Pacten con nós!
Cando decimos que queremos a Saída Sur. Non
hai problema ningún. Miramos o proxecto, acordámolo e imos a buscar
financiamento para conquerilo (...)”.
“(...) Antes que en nós – engadiu Roberto José
Álvarez Carrero -, pensemos na Guarda. Abandonemos as nosas ideoloxías e
camiñemos xuntos (...)”.
Referíndose aos concelleiros do BNG, o
portavoz do PP engadiu: “(...) Penso que se chegan a pactar co PSOE, algúns dos
seus votantes poderanse sentir verdadeiramente defraudados. E mais, un pacto
cun perdedor das eleccions (...)”, “(...) é continuidade. É apoio a unha xestión
que non queremos para naide (...)”.
O portavoz popular afirmou tamén: “(...) Como
vostedes afirmaron nos medios. Un pacto cos socialistas supón refrendar e
aplaudir unha forma de facer política. Máxime cando vostedes estiveron
criticando, de maneira permanente, o goberno socialista. Finca de Fínola, que
se Concepción Arenal, con sentido único, que se os guardeses nos merecemos
outra cousa, etc. (...)”.
“(...) Apoiar ao PSOE significa continuismo.
Plátón decíao moi claro nunha obra que se chama “A República”. Cito textualmente: “Alí onde o mando é cobizado e disputado,
non pode haber bó goberno nin reinará a concordia”. Fin da cita.
Pídolle ao PSOE que reflexione. Que faga
autocrítica. Pídolle BNG que reflexione. Que faga tamén autocrítica (...)”.
Parafraseando a Juan Donoso Cortés, nun
discurso do século XIX, o portavoz popular dixo: “As alianzas non son un fin. As
alianzas son un medio de conseguir o fin”.
O
fin que queren os guardeses é o cambio (...)”.
Unha vez rematada a intervención de Roberto
José Álvarez Carrero, houbo unha nova ovación do público.
A continuación correspondíalle o turno a
Antonio Lomba Baz, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de A Guarda, quen dixo:
“Eu voulle ceder á palabra a Montse Magallanes”.
Logo de
saudar a todos, Montserrat Magallanes
Álvarez comezou decindo: “Iniciamos con
este pleno unha nova andadura para o Concello da Guarda. Unha nova lexislatura,
que para o Partido Socialista necesita o mellor timonel. Ao igual que o
necesitan as nosas embarcacions cando saen mar adiante, A Guarda necesita
encomendarlle o timón aos mellores. A persoas con coñecementos. Cheas de bagaxe
e formación para coñecer as regras da mar. Para poder lidiar ante as
tempestades e sair ilesos. Pero tamén para saber gobernar o barco cando a mar
está en calma.
Estamos convencidos de que liderar o goberno
do Concello da Guarda require asimesmo dunha persoa con formación, pero tamén
con sentido da igualdade. Da búsqueda da xustiza e da equidade, de respecto
polos seus veciños e do instinto político necesario para saber o que lle convén
ao pobo. Ao igual que ao patrón dunha embarcación intúe cando ven un banco de
peixe ou cando se atisban dificultades, para saber discernir entre a mar de
fondo ou a marexada. Esa intuición que se forxa ao longo dos anos e se vai
acumulando xeración tras xeración o saber transmitido polos nosos antigos
pescadores.
Require tamén dun determinado carácter, non
sexa que lle aconteza como a Sancho, cando gobernador da Ínsula Barataria.
Carácter para discernir entre as cuestións de relevancia e as outras que non as
ten.
O Partido Socialista é un partido cunha clara
vocación de goberno, xa que é no goberno, a través da acción política, que se
mellora a vida das persoas (...)”.
Magallanes engadiu que “(...) o resultado
electoral amosa un claro posicionamento de esquerdas, e o mandato da cidadanía
expresado nas furnas no mes de maio, se ten producido no acordo de goberno
entre o PSdeG-PSOE e o grupo político do BNG deste pasado venres, e que hoxe
mesmo acabamos de rubricar.
Somos conscientes de que nunha coalición de
goberno hai que saber dialogar, consensuar e acercar posturas.
O Partido Socialista amosa hoxe aquí o seu
compromiso de traballar nesa liña estes próximos catro anos. Corrixindo as
eivas que pudemos cometer no pasado a aprendendo a velas. Afrontar así, dende
unha posición forte e de consenso, os retos de futuro, porque como di Machado: “Caminante
son tus huellas, el camino y nada más. Caminante no hay camino. Se
hace camino al andar. Al andar se hace el camino y al volver la vista atrás se
ve la senda que nunca se ha de volver a pisar. Caminante, no hay camino, sino
estelas en la mar.”
Froito do acordo mencionado nace un goberno
que irá collendo forma. En primeiro lugar co nomeamento dos titulares das
diferentes áreas e responsabilidades e que se traerán a este plenario en días
vindeiros.
O Partido Socialista lle confía a Antonio
Lomba Baz a tarefa de dirixir a nosa vila para mellorar as condicions de vida
da nosa cidadanía. De toda ela, sen distingos de barrios ou parroquias,
traballando duramente para todos e todas.
Somos conscientes da inxente e ilusionante
tarefa que lle agarda pero do mesmo xeito somos sabedores de que a cidadanía lle
outorgou a confianza para liderala e que contará cun excelente grupo de persoas
que se sumarán a esta tarefa, ilusionados e conscientes das súas
responsabilidades. Por iso o noso voto, que vai acompañado de confianza e da
esperanza, porque Antonio Lomba Baz vai a traballar pola igualdade, o progreso,
a xustiza e o respecto que merece o pobo da Guarda”.
Unha nova ovación rubricaría á intervención de
Magallanes Álvarez.
A continuación correspondeulle seu turno a
Anxo Lois Baz Vicente, polo Bloque Nacionalista Galego, quen dixo:
“(...)
Co resultado das pasadas eleccions municipais na mán, ao BNG pedíusenos altura
de miras e humildemente considero que supemos estar.
O acordo de investidura a Antonio Lomba Baz
como alcalde da Guarda é un producto de un acordo de goberno entre o Partido
Socialista e o Bloque Nacionalista Galego en pé de igualdade, algo que reflicte
o que votou a cidadanía o pasado día 26 de maio.
Estamos convencidos que entramos nun novo
tempo. Un novo tempo para A Guarda no que se van a desenvolver políticas que
progresivamente van transformar este concello en actuacions fundamentais. Unha
Guarda feita dende abaixo hacia arriba. Unha vila por, e para o pobo. Onde o
espazo público se convirta en espazos de igualdade, de cohesión social. Espazos
dinámicos que permitan o desenvolvemento económico, cultural e turístico, con
todo ese potencial que A Guarda ten.
Sei que hoxe non é o día de falar de programa
nin de estratexias. E quero aproveitar este momento que me brindan para
compartir con todos vos esa forza e esa ilusión que os meus compañeiros e
compañeiras do BNG levamos dentro para facervos partícipes deste bonito
proxecto que hoxe arranca.
Veciños e veciñas. Aquí tedes un concello
aberto, participativo, coa man tendida a todo o pobo, que inclúe tamén aos
partidos da oposición, como non podía ser doutra maneira.
Hoxe empeza unha nova etapa para A Guarda,
onde as persoas e o seu benestar son o obxectivo principal deste novo goberno.
Porque A Guarda é o que é grazas ao carácter, ao traballo e a ilusión de todas
as persoas que hoxe todos temos na nosa mente.
Hoxe, como dixen antes, o BNG tende a mán a
todos e a todas para sumar e para transformar. Por iso o Bloque Nacionalista
Galego vai votar favorablemente ao candidato do PSdeG-PSOE, Antonio Lomba Baz
(...)”.
Ao remate da intervención de Anxo Lois Baz
Vicente súas verbas foron correspondidas con unha ovación do respectable
público.
A continuación correspondeulle seu turno a Celso
Rodríguez Fariñas, de Converxencia Galega, quen brevemente dixo: “Despois de
escoitar as distintas intervencions deixar claro que chegou o momento de que A
Guarda arranque. Que sea certo o das novas políticas, o da transparencia, o da
claridade na xestión e que todos puxemos pra diante para intentar que A Guarda
volva a coller o ritmo que tuvo en tempos pasados”.
As verbas de Rodríguez Fariñas tamén foron
correspondidas cunha ovación dos veciños.
A continuación, a secretaria informou que
rematadas as diferentes intervencións, se procederá a votación a mán alzada. Os
concelleiros que optaban a Alcaldía son: Roberto José Álvarez Carrero e Antonio
Lomba Baz.
Os votos a favor do candidato do Partido
Popular foron 6.
Os votos a favor do candidato do PSdeG-PSOE
foron 10.
Seguidamente, segundo informou a secretaria,
dado que se acadou o quorum esixido resulta proclamado alcalde da Guarda
Antonio Lomba Baz.
Unha
grande ovación acollería a devandita proclamación.
A continuación, o alcalde prometeu pola súa “(...)
conciencia e honra cumplir con fidelidade as obrigas do cargo de alcalde do
Concello de A Guarda, con lealdade ao Rei e gardar e facer gardar a
Constitución como norma fundamental do Estado”.
Unha vez cumplimentada a promesa de acatamento
a Constitución, a secretaria manifestou: “(..) Queda vostede posesionado do
cargo de Alcalde do Concello da Guarda (...)”, “(...) en consecuencia o
presidente desta Mesa de Idade faille entrega do bastón de mando como símbolo
das atribucions do cargo (...)”.
Unha nova ovación dos veciños, daría paso á intervención
do alcalde, que en síntese agradeceu “(...) a tódalas aquelas persoas que me
apoiaron e me animaron estes últimos catro anos, a desenvolver meu labor como
alcalde da Guarda. Elas, e o convencemento de que o traballo que estábamos a
realizar dende o goberno municipal melloraría esta vila que tanto queremos,
foron os principais motivos para volver a poñernos a disposición da cidadanía
co afán de demandar a vosa confianza e continuar o traballo no servizo público.
Familia, amigos e compañeiros foron quen
íntimanente me deron os ánemos, a forza,
a afouteza para volver a afrontar o reto de presentarme de novo como candidato
a alcaldía da Guarda.
Quérolles agradecer especialmente aos meus
irmáns [a emoción fixo que momentáneamente o alcalde parase súa intervención, sendo aplaudido
polos veciños, reanudando a continuación súa intervención], e as súas familias,
e por suposto, a miña muller e aos meus fillos, seu inestimable apoio e ánemo
(...)”.
Antonio Lomba Baz tamén tivo “(...) un
agarimoso recordo e agradecemento para os membros do equipo de goberno durante
esta pasada lexislatura, polo seu traballo e entrega. E quero extender este
recordo a todos os compoñentes das anterior Corporaciòn polo labor prestado ao
Concello de A Guarda como representantes dos veciños.
Con todo hoxe estou aquí grazas ao sistema de
democracia representativa e a vontade expresada nas urnas, polas veciñas e
veciños da Guarda.
Quero agradecer tamén o apoio e a confianza
depositada en nós.
Foi a veciñanza a que tomou a decisión de dar
un apoio importante ao PSOE e ao BNG, dúas forzas políticas que temos en común
argumentos suficientes como para chegar a espazos de entendemento.
Pola nosa parte, e entendendo o mandato e a
responsabilidade que as guardesas e os guardeses nos encomendaron puxémonos
máns a obra para acadarmos un acordo de goberno para a próxima lexislatura.
Hoxe estamos a dar o primeiro paso deste
goberno conxunto. Un goberno forte. Con dez concelleiros.
Quero agradecer ao BNG a boa disposición que nos
permitiu chegar a ese acordo (...)”.
A continuación o alcalde deu á benvida “(...) a
tódolos concelleiros e concelleiras, sobre todo aos que o sodes por primeira
vez. Espero e desexo que dentro de todas as nosas discrepancias políticas,
teñamos altura de miras, visión institucional para pór A Guarda por riba de
intereses partidistas e que poidamos traballar xuntos para poder conseguir o
mellor para a nosa vila (...)”.
O tempo
de relembrou que “(...) A Guarda é un sitio fermoso. Un lugar privilexiado,
tocado con cariño pola Natureza, é dende tempos inmemoriais, unha terra de
oportunidades. Diso dan testemuña os asentamentos humanos de hai máis de 2.000
anos e dos que temos constancia a través do noso importantísimo patrimonio
arqueolóxico e histórico.
Para nós está clara á evidencia de que é un
lugar único e incomparable. Un sitio con calidades inmellorables para
desenvolver un proxecto de vida.
O noso compromiso neste sentido foi, e
continúa a ser, o de mellorar as condicions para ofrecervos oportunidades e
calidade de vida a quen queira vivir entre nós.
Eu comprometo o meu traballo e o do futuro
goberno da Guarda, pero hai cousas moi importantes, que esixen outros
compromisos.
Apelando a altura de miras que antes citaban, pido
a Corporación e a toda a veciñanza, o seu apoio para demandar das
administracions competentes aquelas actuacions necesarias para mellorar as nosas
espectativas de futuro.
´E unha prioridade para a comarca, o remate da
autovía entre Goián e Tui. Necesitamos ter unha boa comunicación por estrada
que permita un enlace rápido e seguro a Vigo.
Necesitamos tamén mellorar as condicions para
termos novas oportunidades de negocio e emprego.
Estamos ben posicionados no sector turístico,
en particular grazas o Monte Santa Trega e ao Camiño de Santiago.
Pero temos que conseguir solo empresarial.
Necesitamos unha gardería infantil e impulsar
a execución do acceso sur ao porto da Guarda, por contarmos algunhas das obras
estratéxicas.
Para A Guarda, en definitiva, é imprescindible,
unha Xunta de Galicia sensible coa situación xeográfíca e as nosas necesidades
(...)”.
O alcalde tamén aludiu a historia da nosa
emigración a América e á traxectoria ascendente do sector pesqueiro,
salientando a capacidade de iniciativa dos guardeses, e afirmou que “A Guarda
facémola entre todas e todos”.
E cando
referiu que se criou entre O Pirún e As Laxes, o alcalde voltouse a emocionar,
sendo animado polos aplausos dos veciños, afirmando a continuación que está a
disposición de tódolos veciños para o que queiran.
Unha nova ovación poría broche a intervención
do alcalde.
A continuación continuaría a sesión dando
conta do arqueo, a data 14 de xuño de 2019, tanto do Concello como do Padroado
Municipal Monte Santa Tecla.
O alcalde relembrou que no prazo de cinco días
constituiranse os grupos municipais.
E non habendo máis asuntos que tratar,
levantou a sesión, sendo aproximadamente ás 12:45 horas.
Como é natural o alcalde recibiu ás
felicitacións de concelleiros, veciños e familiares, nun ambente distendido sen
que se rexistrase ningún incidente.
Compre salientar que ademais dos 9 concelleiros que xa o eran na Corporación
Municipal precedente, e voltaron a seren relexidos, os novos corporativos son:
José Antonio Baz Lomba, María
Isabel Guisande Vila, Mª
Vanesa Alonso Gándara e Josué Álvarez Alonso, (PP); Beatriz Lomba Rodríguez, Mª Begoña González Martínez
e Xosé Manuel Méndez Díaz (BNG): e Fátima Rodríguez Marcos (PSdeG-PSOE).
Ningún comentario:
Publicar un comentario