17 de xuño de 2019

O CONDADO / PARADANTA

Miguel Domínguez e Pablo Castillo alternarán o escano de deputado provincial polo partido xudicial de Ponteareas 

• Os representantes locais dos concellos que integran o partido xudicial reuníronse co presidente provincial do Partido Popular para propoñer ao candidato. 

• “Intentaremos que vaian os mellores representantes, porque gobernando ou estando na oposición temos claro que os intereses de Pontevedra teñen que estar por riba de todo”, sinala Rueda.  
 

 Miguel Domínguez e Pablo Castillo

Infogauda  / O Condado / Paradanta

 O representante do PP na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Ponteareas será Miguel Domínguez, número 1 da candidatura popular da Cañiza e presidente local do partido. Ocupará o seu escano durante os primeiros dous anos do mandato, e transcorrido este tempo está previso que ceda o seu posto a Pablo Castillo, alcalde de Covelo.  

 Así o decidiron os representantes locais dos nove concellos que conforman este partido xudicial -Covelo, Crecente, Arbo, A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, As Neves e Salvaterra- nunha reunión que mantiveron esta mañá co presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, e co secretario xeral, Xose Manuel Cores Tourís.  

 Miguel Domínguez terá que ser ratificado nos próximos días na xunta electoral de zona cos votos dos concelleiros populares, e unha vez tome posesión substituirá a Belén Villar, candidata do PP de Ponteareas que accedeu ao escano en 2017 despois de que Julio Alén, representante de Mondariz, o ocupase durante os dous primeiros anos de mandato.  

 Coas designacións de Miguel Domínguez e Pablo Castillo xa están nomeados os deputados populares por Ponteareas, Lalín e A Estrada, e quedan pendentes de designar aos de Vigo, Tui, Cambados e Pontevedra. Esta tarde continuarán as reunións cos representantes do Salnés e do Baixo Miño.  

 Alfonso Rueda destaca que “estamos escoitando a todos os candidatos dos sete partidos xudiciais, para entre todos e por consenso elixir ás persoas que van representar ao PP na Deputación de Pontevedra. Intentaremos que vaian os mellores representantes, porque gobernando ou estando na oposición temos claro que os intereses de Pontevedra teñen que estar por riba de todo”.   

 Ao igual que na Estrada e Lalín, en Ponteareas o PP posúe a única acta de deputado coa que conta cada un dos partidos xudiciais. No próximo mandato os populares contarán con once deputados na corporación provincial. Ademais dos deputados de Ponteareas, Lalín ou A Estrada, o PP conta con dous no partido xudicial de Cambados, tres no de Pontevedra, dous no de Vigo e un no de Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario