22 de xuño de 2019

GALICIA

A conselleira do Mar participou na presentación do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na Guarda entre o 11 e o 14 de xullo 

Galicia traballa nun plan de acción para a conservación do patrimonio marítimo-pesqueiro  

Prevese que a parte de inicial deste plan estea lista a mediados de 2020 e que se comece a actuar no 2021

Rosa Quintana subliñou que o Encontro de Embarcacións Tradicionais que acollerá A Guarda contribuirá a que perdure o valor do patrimonio fluvial e a historia cultural marítima de Galicia
 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe na presentación do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que a Xunta de Galicia traballa nun plan de acción único para a conservación do patrimonio marítimo-pesqueiro. Segundo sinalou a conselleira prevese que a parte de inicial deste plan estea lista a mediados de 2020 e que se comece a actuar no 2021.  

 Ademais explicou que esta ferramenta ten catro obxectivos, que son compilar a presenza dos elementos culturais, patrimoniais e etnográficos; analizar o seu estado de conservación, promover a súa protección e consolidación e atopar a fórmula de financiamento adecuada para o seu desenvolvemento. Ademais engadiu que esta iniciativa complementa a declaración como ben de interese cultural das técnicas construtivas da carpintería de ribeira, protexidas por un decreto que “recoñece o seu valor singular na conformación da identidade do noso pobo e na concreción de medidas para a súa salvagarda”.  

 Esta é unha mostra da aposta da Xunta a prol da protección do patrimonio e que se complementa con iniciativas de apoio a entidades e proxectos concretos, de forma directa ou a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro, GALP.  

 En canto ao XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará no concello da Guarda entre o 11 e o 14 de xullo, Rosa Quintana, subliñou que con el “contribuímos a que perdure o indubidable valor do noso patrimonio fluvial e a nosa historia cultural marítima”.  

 Ademais, en relación a esta edición, organizada por Culturmar, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, o Instituto de Estudos Miñoranos e o Concello da Guarda, destacou a implicación social e veciñal. Tamén subliñou que este encontro se centra no binomio río-mar, dada a súa fronteira natural co río Miño e na tradición marítima do sur de Galicia e do norte de Portugal.  

 A conselleira tamén tivo palabras de recoñecemento para a Asociación Cultural de Embarcacions Tradicionais Piueiro, creada pola Organización de Palangreiros Guardeses, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) e a Confraría de Pescadores Santa Tecla, entre outros. Esta entidade, ao igual que Culturmar, explicou Rosa Quintana, persegue a recuperación e a reivindicación das tradicións mariñeiras. Deste xeito, entre os seus piares de actividade ten o de compilar coa colaboración dos veciños fotografías, historias e documentos do pasado co obxectivo de crear un arquivo e tamén construír unha réplica dos volanteiros, unha embarcación tradicional da que se teñen referencias desde o século XVII e que desapareceu nos inicios do XX.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario