13 de maio de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN

ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS. 
Letras Galegas, 2019 

Este martes 14 de maio, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego

                                                           Antonio Fraguas Fraguas
                                                       Arquivo: Museo do Pobo Galego


Infogauda / Santiago de Compostela

Este martes 14 de maio ás 20 horas inaugúrase no Museo do Pobo Galego a exposición Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019. 

 Co gallo da dedicación a don Antonio Fraguas do Día das Letras Galegas 2019, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo Galego organizan unha exposición conmemorativa sobre a biografía e a obra do personaxe homenaxeado. Ambas as institucións, que son depositarias do seu legado intelectual, traballan conxuntamente por manter e difundir o labor docente e científico de don Antonio, exercido durante décadas e a través de varias xeracións, até constituír unha referencia para a cultura galega que se concreta, ademais de nas súas numerosas publicacións, no traballo a prol do Seminario de Estudios Galegos, o Instituto Padre Sarmiento, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. Un conxunto de actividades servirá para actualizar e dar relevo á obra do polígrafo natural de Cotobade. Ao longo do ano académico 2018-2019, o Departamento de Educación e Acción Cultural vén desenvolvendo un programa especial, con visitas dinamizadas para os diferentes niveis educativos, sen esquecer os grupos de persoas con necesidades especiais. A exposición que agora se inaugura consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida de Antonio Fraguas, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, membro activo das institucións máis destacadas da cultura do país ao longo de oito décadas fecundas, e outra na que se presentan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual: arqueoloxía, xeografía, historia e arte, etnografía e divulgación. 

 En setembro está programada a exposición dos traballos premiados no XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas: Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade, do CEIP Ana María Diéguez de Asados (Rianxo), e Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, do CPR María Inmaculada de Silleda.

 No mes de novembro, en colaboración coa Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, celebrarase un simposio no que, ademais de pasar revista á obra de Fraguas, recoñecidos especialistas presentarán unha visión actualizada dos coñecementos e a metodoloxía nas ramas respectivas das ciencias humanas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario