8 de maio de 2019

OIA

MOVEMENTO OIA PRESENTA SÚA CANDIDATURA ÁS ELECCIONS MUNICIPAIS DO 26-M

O venres día 17 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Cultural de Pedornes, e o sábado día 18, nas escolas de Loureza
 

Xoán Lois Vila - terceiro pola esquerda -, candidato de Movemento Oia á Alcaldía de Oia, con María Andura Giráldez, Oscar Suárez Álvarez, Loreto Dorado Silva, José Miguel Sánchez e Ana Rodríguez González

Infogauda / Oia

 O próximo venres 17 de maio ás 20:00 horas, Movemento Oia presentará a súa candidatura no Centro Cultural de Pedornes, en Oia e o sábado 18 nas escolas de Loureza. 

 Encabezada polo concelleiro Xoán Lois Vila, a lista conta nos primeiros lugares coa presenza de María Andura Giráldez, Oscar Suárez Álvarez, Loreto Dorado Silva, José Miguel Sánchez e Ana Rodríguez González. No acto tamén se dará a coñecer os principais obxectivos que conformarán o programa político que esta agrupación presentará nas vindeiras eleccións municipais de maio, e o traballo realizado estes anos no Concello. 


 Xan Lois Vila, candidato de Movemento Oia á Alcaldía

 En decraracións a este xornal dixital transfronteirizo, o candidato á Alcaldía de Oia, Xan Lois Vila salientou: "Movemento Oia é unha asociación que nace do movemento 15-M que se integra nas mareas municipais. En Marea é a segunda forza política do Parlamento galego que toma iniciativas e expón unha oposición eficaz no mesmo. E que dá liberdade ás mareas locais que equivalen aos círculos de Podemos para que fagan o que entendan que é mellor para as persoas e a cidadanía nos seus concellos. 

 En Movemento Oia temos afíns a Podemos, Anova, Esquerda Unida, etc. e o obxectivo e os fins son os mesmos, por tanto nestas eleccións municipais somos os representantes naturais de todas esas sensibilidades políticas". 

 Na convocatoria á presentación oficial da candidatura, Xoán Lois Vila fai referencia en que presentan "unha nova proposta cun grupo de persoas comprometidas coa sociedade actual e real de Oia, de todas as idades e profesións, que traballan día a día en diferentes movementos sociais e veciñais en favor da veciñanza e dos seus dereitos". 

 Afirma que teñen "un proxecto para Oia e un equipo para levalo a cabo. Oia ten futuro se somos capaces de canalizar tódalas necesidades dentro dun entorno sustentable que permita crear traballo, riqueza e fixar poboación para dar un futuro ós mozos e servizos para tódolos veciños". 

 "A cidadanía demanda transparencia, participación e que a institución municipal estea ao servizo das maiorías sociais", afirma Xan Lois Vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario